Usuarios de Vigosónico denuncian as condicións da reapertura das salas de ensaio

Publicidad

O pasado 19 de abril, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaba a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico para o 3 de maio, logo de tela anunciado previamente para o 25 de febreiro. Unha semana despois, os usuarios das mesmas, agrupados en torno á plataforma Grupos de Vigo en Loita, están a denunciar “as lamentables condicións desta reapertura”, así como “o incumprimento de todas e cada unha das promesas que o goberno municipal, por medio da concelleira de Xuventude María Carmen Lago Barreiro, fixo aos usuarios e usuarias”.

Por unha banda, denuncia a plataforma, os recortes de horas son incluso maiores ca os prometidos. “Protestamos no seu momento contra a supresión dos vernes coa excusa do curso de Paideia a pesar de que no propio convenio coa fundación se indica que este non suporía perda de horas de ensaio”, pero agora engaden que “se reducen as quendas até o punto de eliminar case a metade de horas semanais”. As salas de ensaio pasaron de estar dispoñibles 36 horas ás 20 actuais. Este recorte, que fai que moitas bandas se vexan obrigadas a aceptar horarios que lles resultan pouco vantaxosos, únese ao requisito de non faltar máis de 3 veces ao ensaio para non perder automaticamente o dereito á sala, aumentando así aínda máis as trabas ás bandas.

Por outra banda, o estado de material é, en palabras do colectivo de músicos, “pésimo”. “Comprobamos de primeira man como o material seguiu sen renovarse dende a apertura de Vigosónico en 2011, e os amplificadores que non funcionan, os parches e pratos de batería rotos, foron unha constante en varias salas esta semana”, afirman, a pesar de que a concelleira de Xuventude se comprometera a renovar o material defectuoso na súa reunión coa plataforma. Tamén denuncian o “recorte dramático de personal”, e tamén a esixencia de “renovar a nosa inscripción cada 3 meses”. Para a plataforma, “isto na práctica imposibilita calquera tipo de planificación a longo prazo da actividade da bandas, ante a incerteza de perder a nosa sala de ensaio”.

Dende o colectivo tamén denuncian que, no seu momento, o goberno municipal alegou que o trato dado as bandas, impedíndolles recoller o seu material durante 8 meses, e o peche de Vigosónico durante os máis de dous anos da pandemia debíase á situación sanitaria e, en particular, ás esixencias do protocolo Covid e ás restriccións. Porén, “unha lectura do Convenio de colaboración do Concello coa Fundación Paideia demostra una realidade contraria”, xa que “os informes técnicos amosan unha avaliación positiva dos sistemas mecánicos de ventilación e que cumplen cos requisitios do propio protocolo do Concello, datado en decembro de 2021”.

En conclusión, dende Grupos de Vigo en Loita expoñen que “neste contexto, no que nin tan se quere se materializou o compromiso do goberno de manter unha interlocución aberta e constante coas bandas, anunciaremos nos vindeiros días accións reivindicativas para denunciar non só o desmantelamento deste servizo público, senón o intento do concello por afundir a música local e de base”. “A programación de verán anunciada a bombo e platillo, é boa mostra disto”, afirman tamén en relación á falta de bandas de Vigo nos concertos organizados polo Concello.

Salir de la versión móvil