UVigo acollerá en 2023 o maior evento europeo de sistemas de información en educación superior

Publicidad

A Universidade de Vigo será a encargada de organizar e acoller entre os días 14 ao 16 de xuño do vindeiro ao o congreso EUNIS2023, European Universities and the digital transformation: Challenges and opportunities ahead. “A European University Information Systems, EUNIS, é a organización europea de sistemas de información universitarios e o seu principal obxectivo é axudar ás institucións membros a desenvolver os seus sistemas informáticos, compartindo experiencias e traballando xuntos”, detallan Juan José Pazos e Martín López Nores, docentes e investigadores da UVigo e responsables do comité organizador, que xunto aos responsables do comité científico, se reúnen hoxe e mañá no campus e na cidade de Vigo con membros da xunta directiva de EUNIS, para seguir avanzando na planificación do congreso do vindeiro ano, que sucederá ao celebrado en Göttingen este 2022.

“O congreso EUNIS é o maior evento de Europa na temática de sistemas de información en educación superior e a UVigo decidiu organizar a edición do 2023 para apoiar a súa estratexia de internacionalización”, sinalan López Nores e Pazos, que tamén destacan, que nun momento no que a Universidade de Vigo se atopa en plena transformación dixital, “resulta conveniente familiarizarse coas experiencias doutras universidades punteiras da nosa contorna con situacións e necesidades similares”. A delegación de EUNIS que durante dous días perfilará en Vigo os detalles do congreso do vindeiro ano, está encabezada polo seu presidente Raimund Vogl e a súa vicepresidenta, Carmen Díaz, xefa de produto de SIGMA, agrupación sen ánimo de lucro, que se centra en axudar ás institucións de educación superior a optimizar a súa xestión con tecnoloxías da información, achegando solución para a xestión académica, docencia e investigación.

Unha previsión de participación de máis de 200 persoas

Ao longo dos tres días que durará a o congreso EUNIS 2023 está a prevista a participación de máis de 200 persoas chegadas de diferentes países europeos, que tomarán parte nas sesións que se celebrarán no auditorio Mar de Vigo e nas que se abordará un amplo abano de temáticas que se pecharán nas reunións que hoxe e mañá se celebran en Vigo. ”Así mesmo, nas xuntanzas desta semana abordaranse cuestións administrativas e organizativas como patrocinios, estratexias de comunicación ou visitas á sede do congreso; así como temas técnico-científicos, como o programa, poñentes, invitados ou eventos satélite” enumeran os responsables do comité organizador.

Formada en 1993 e rexistrada como unha organización sen fins de lucro en 1998, EUNIS reúne as persoas responsables da xestión, desenvolvemento e política de tecnoloxías da información na educación superior europea e o seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento de sistemas de información de alta calidade. As principais accións impulsadas polo European University Information Systems son o fomento do intercambio, a cooperación e debates entre os responsables dos sistemas de información da educación superior ou institutos e organizacións dentro de Europa; así como establecer relacións con organismos de supervisión a cargo dos sistemas de información en educación superior e nos institutos de investigación superior en cada país, así como a nivel europeo.

Salir de la versión móvil