UVigo e Deputación destinan 24.000 euros ás axudas de investigación da Cátedra Feminismos 4.0

Publicidad

A Universidade de Vigo acaba de lanzar unha nova edición das axudas para o financiamento de proxectos de investigación realizados por grupos dos campus de Pontevedra e Vigo ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. O obxectivo desta convocatoria é promover e potenciar a investigación no ámbito da cultura e da sociedade dixital en estudos feministas ou estudos de xénero. Ademais, estas axudas buscan contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes que se dedican á investigación no sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 da Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

As propostas que se presenten poderán versar sobre temas e perspectivas epistemolóxicas e metodolóxicas feministas e sobre a cultura e a sociedade dixital arredor dos contidos abordados nas titulacións impartidas nos campus de Pontevedra ou Vigo. En concreto, as bases da convocatoria detallan temáticas como o deseño de aplicacións, algoritmos, software, videoxogos, chatbots, blockchain ou big data con perspectiva de xénero ou feminista; a cibersororidade; a analítica dixital e as implicacións éticas da intelixencia artificial; o androcentrismo dos algoritmos e a perspectiva de xénero na web; os imaxinarios de xénero e o universo simbólico da rede; internet con perspectiva de xénero; o xénero nas redes sociais; ciberactivismos feministas; violencias de xénero na rede: ciberacoso, grooming, sexting, solliciting, sextorsión...; arqueoloxía dixital feminista; agronomía dixital feminista; arte e deseño dixital; o xénero nas redes sociais: identidades e xénero; o sexismo das redes sociais e das TRIC (tecnoloxías da relación, a información e a comunicación); hacker ético e feminista; historia das científicas, das programadoras e das geekgirls; feminismo na rede; mulleres nas STEM ou análise de datos sociais nas redes.

Ata 6000 euros para cada proxecto

En total, a cátedra destinará ata 24.000 euros a esta convocatoria, cunha subvención máxima para cada proxecto de investigación de 6000 euros. As solicitudes, que deben presentarse á Unidade de Igualdade da UVigo, poden ser impulsadas por grupos de investigación rexistrados na Oficina de I+D que conten cunha profesora ou profesor doutor a tempo completo como IP principal, con vinculación laboral á Universidade de Vigo nos campus de Vigo ou Pontevedra, así como os grupos que conten cunha investigadora ou investigador doutor contratado a tempo completo na Universidade de Vigo como investigador principal, con vinculación laboral á Universidade de Vigo nos campus da provincia de Pontevedra. Ademais, tamén poderán presentar as súas candidaturas as investigadoras e investigadores doutores con adscrición a un grupo de investigación da UVigo e que acrediten vinculación laboral coa UVigo tamén nestes dous campus.

Á hora de valorar as propostas recibidas, o comité avaliador terá en conta tanto o currículo do investigador ou investigadora principal e do seu equipo con perspectiva de xénero como a achega innovadora que supoña a liña de traballo para a provincia de Pontevedra. Tamén se valorará a potencial achega da investigación no relacionado coa sociedade dixital con perspectiva e xénero ou feminista; a adecuación da planificación proposta ao orzamento solicitado e, finalmente, a maior presenza numérica de mulleres ou paridade de xénero no equipo.

Salir de la versión móvil