Tirando de tópicos, todo o que podía saír ben, saíu ben no 20 aniversario das JAI. E é que a décima edición destas Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, que se celebrou a pasada semana, foi a da consolidación dun evento que converteu a Universidade de Vigo no epicentro da robótica e da novas tecnoloxías industriais.
O seu organizador, o profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, recoñece que as xornadas saíron a pedir de boca, mesmo dende a fase de organización. “Practicamente todos os poñentes que convidamos aceptaron, moitos deles grandes directivos de empresas punteiras e investigadores de prestixio internacional”. Tamén o cambio de data resultou un éxito, xa que o evento se viña celebrando tradicionalmente en novembro. A resposta o público tamén superou as expectativas, tanto por parte dos profesionais do sector, como do alumnado e tamén da cidadanía, explica Armesto. “Sorprendeunos moito a cantidade público alleo que asistiu, sobre todo ao showroom, ao que se achegaron estudantes e docentes de 30 universidades e de 27 centros de secundaria e moitos rapaces e rapazas cos seus pais e nais alo longo da semana”. Nisto tivo moito que ver a despregue robótico que acolleu o vestíbulo da EE Industrial do campus, con tres robots de Unitree, destacando especialmente o innovador bípedo G1, que durante a primeira xornada das JAI foi un protagonista indiscutible. Xunto con el, o Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI.
O dobre de asistencia da prevista
Todo isto fixo que as previsións de 2000 asistentes que tiña a organización se dobrasen e, ao longo da semana, fosen arredor de 4000 persoas as que se achegaron ás JAI’2025. Delas, máis de 2600 contaban con acreditación como inscritas nas xornadas e o resto foron visitantes que quixeron achegarse ao campus para coñecer de preto as últimas novidades en robótica industrial.
A resposta foi tan boa, explica Armesto, que o luns, cando interviña o cirurxián Diego González Rivas, a asistencia superou con moito a capacidade do salón de actos da escola. “Foi preciso habilitar unha aula para que máis de 150 persoas puidesen seguir a súa intervención a través de pantallas”. Pero isto non foi suficiente e, a maiores, a organización decidiu emitir o relatorio en directo tamén nas pantallas do vestíbulo onde tiña lugar o showroom.
En total, ao longo das cinco xornadas das JAI’2025 foron 70 relatores, 40 horas de conferencias e mesas redondas e máis de 40 expositores no showroom. “Agardábamos moi boi acollida”, recoñece Armesto, porque o programa era “moi potente, queríamos ser o epicentro da robótica e automatización, que todo o mundo do sector estivese aquí”. E para iso contou con relatores procedentes de empresas e organismos como Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, Finsa, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron ou Russula, Stellantis, KPMG. “Pero a resposta foi moito mellor do que agardábamos, sen dúbida foi a mellor edición das JAI ata o momento”, en palabras do seu organizador, que agradece tanto aos poñentes o seu compromiso como aos asistentes, profesionais, estudantes e público en xeral, a súa resposta.
Agora toca tomar un tempo de descanso e centrarse na docencia, pero Armesto xa está pensado na vindeira edición, que posiblemente se volva celebrar no mes de febreiro aínda que non ten claro se en 2027 ou 2028.
O éxito das mesas redondas
Ademais dos relatorios individuais ao longo das cinco xornadas, o programa comprendeu catro mesas redondas, “que funcionaron moi ben e espertaron moito interese, tanto o do luns pola tarde, sobre transformación da industria e novos modelos produtivos como a do martes sobre robótica, automatización e intelixencia artificial e as claves do futuro 5.0, que reuniu altos directivos de empresas do sector como Kuka, Bosch-Rexroth ou Pilz”. O mércores o debate centrouse na ciberseguridade industrial con representantes de Stellantis, Finsa ou Govertis e o xoves os protagonistas foron os investigadores en robótica, algunhas das figuras máis destacas do mundo neste eido, como o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University,; o catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico II, experto en robótica biomédica; Carlos Balaguer, da Universidad Carlos III e Aníbal Ollero, catedrático da Universidad de Sevilla.