Tras un verán no que lograron os mellores resultados da súa historia, incluíndo un terceiro posto en Montmeló, a escudaría universitaria viguesa UVigo Motorsport, integrada na actualidade por arredor de 70 alumnas e alumnos de distintas titulacións, está xa metida de cheo na organización da nova tempada, a do seu décimo aniversario. Será un ano moi especial que arranca coa renovación do seu equipo directivo e con multitude de proxectos en mente para o seu seguinte monopraza, o UM25.
- Te puede interesar: Arranca o curso na UVigo cunha morea de facilidades para fomentar a práctica deportiva
O cambio de directiva marca o arranque da tempada 2024/2025. Á fronte do equipo sitúase agora a estudante de Enxeñaría Química Industrial Jimena Novás, team leader e presidenta da asociación, quen afronta este reto como unha “gran responsabilidade”, sobre todo tendo en conta a celebración do aniversario. Trátase, ao seu xuízo, dunha “tempada importante que trae varios cambios” e na que, en consecuencia, asumirán certos riscos que afronta “con moitas ganas”. Este será o seu terceiro ano no equipo, unha “rodaxe previa” que lle permite afrontar o cargo “con moita máis seguridade e un maior entendemento sobre o funcionamento interno do equipo, así como da Formula Student en xeral”.
De cara a garantir esa continuidade e manter a tendencia ascendente das dúas últimas tempadas manteranse os postos de Andrés Gago, como mechanical leader, e Fabio Diz, no posto de technical leader. Ademais, outros estudantes que xa exercían cargos de responsabilidade no equipo asumen novas responsabilidades, como é o caso de Iván Blas, novo responsable de aerodinámica, ou Denis Pallarés, que se fai cargo do departamento de chasis e ergonomía, responsabilidades que compatibiliza nesta nova tempada coa secretaría do equipo.
A maiores, súmanse como responsables de departamento varias caras novas: Eugenio López-Carracedo, en electrónica; Diego Gándara, en propulsión; Pablo Rodríguez, en dinámica; Nuno Baamonde, en coche autónomo; Óscar Hermida, en Organización e Marketing, e Marta Cabo, a cargo da tesourería.
Busca de socios e socias con moitas ganas de “traballar e aprender”
O primeiro reto da nova directiva será seleccionar e preparar aos novos membros do equipo. Co proceso de inscrición xa aberto, todas as alumnas e alumnos que queiran unirse a este proxecto deben cubrir un formulario de inscrición -ata o 22 de setembro- e ir completando as diferentes fases da ampliación, nas que terán que superar unha entrevista persoal, cursos de formación e diferentes probas e traballos relacionados coa enxeñaría.
Desde o equipo animan a todas as persoas interesadas a inscribirse, “pois é unha experiencia inigualable a nivel de adquisición e aplicación de coñecementos, vivencias e contacto con empresas que non vén nada mal de cara ao futuro”. Neste senso, Novás fai fincapé en que que a maior parte dos integrantes do equipo uníronse a el “sen grandes coñecementos pero con moitas ganas de formarnos” e, en base a esta afirmación, recalca que “o máis importante e valorado son as ganas de traballar e aprender, a capacidade de xestión e organización do tempo e o compromiso co proxecto” .
Novos retos: tratarán de que o UM25 funcione con etanol
No referente ao novo UM25, “o obxectivo máis ambicioso para esta nova tempada é o cambio de combustible a etanol, pero isto non é o único”, explica a team leader. Buscando manter a liña seguida durante os dous últimos anos, consideran prioritario a redución do peso. “Para conseguilo optamos por modificar as seccións dos tubos do chasis, unido a un paquete aerodinámico máis lixeiro ca o do seu predecesor”, apunta Novás, ao tempo que explica que tamén están valorando situar o escape na parte posterior do monopraza e modificar o sistema de refrixeración.
“A maiores, garantir a fiabilidade do coche é sempre un obxectivo de tempada”. Neste senso, lembran que o UM24, o seu derradeiro monopraza, foi o prototipo máis fiable ata o momento, tal e como se demostrou nas diferentes probas disputadas durante o verán.
Assen, Silverstone e Montmeló: un verán cheo de éxitos
Ao longo dos meses de xullo e agosto, UVigo Motorsport asistiu a tres competicións. Primeiro viaxaron ao histórico TT Circuit Assen, nos Países Baixos, onde chegaron as primeiras alegrías ao conseguir un “sobresaínte” cuarto posto. “Alí o coche demostrou que estaba feito para correr e que, ademais, era fiable”, explican desde o equipo.
Do 16 ao 21 de xullo o departamento de coche autónomo desprazouse a Silverstone, no Reino Unido, onde tamén acadaron resultados moi prometedores respecto á tempada anterior e, xa en agosto, participaron en Montmeló na Formula Student Spain “onde os extraordinarios resultados acadados nas diferentes probas” se traduciron “nun incrible terceiro posto na clasificación xeral da competición, conseguindo así o primeiro trofeo global da historia do equipo”.