A temporada 2022/2023 está sendo para o UVigo Motorsport unha etapa de moitos cambios. Tras varios anos cun equipo formado por entre 40 e 50 persoas, este curso conseguiron renovar e ampliar considerablemente o seu cadro de persoal ata acadar 71 alumnos e alumnas. Con este novo impulso, agardan poder adiantar todas as fases de deseño e fabricación e ter listo o monopraza UM23 o antes posible, para así poder rodalo e testalo con suficiente antelación respecto das competicións de Formula Student do verán. Precisamente, este 27 de xaneiro terán lugar as probas de acceso para a maioría das carreiras e, en función dos resultados que obteñan, decidirán en que circuítos rodará o UM23, aínda que a proba española semella que seguirá sendo unha cita indispensables para o equipo vigués.
O novo responsable de Organización e Márketing, Óscar Hermida, que toma a remuda de Sara Barbeito, explica que a etapa de deseño está practicamente pechada, “a excepción de pequenos detalles” e agora se están ultimando os preparativos para comezar coa fabricación. Despois de deixar atrás as vacacións de Nadal e a unha vez remate a época de exames, o ritmo de traballo incrementarase co obxectivo de “obter un bo resultado nos exames de acceso ás competicións do día 27 de xaneiro”.
Coa vista posta precisamente nas carreiras do próximo verán, recoñece Hermida que sobre as expectativas do equipo “só podemos dicir o mesmo que sempre, a expectativa número 1 é rodar, e rodar o mellor posible”.
Un equipo procedente de 21 titulacións diferentes
O equipo actual, que debe deseñar, fabricar e competir co UM23, está formado por 71 membros (un 10% son alumnas) que proceden de 21 titulacións diferentes. Teñen especial presenza as e os estudantes de Enxeñaría Mecánica (21), de Enxeñaría Informática (12), de Enxeñaría Aeroespacial (8) ou Intelixencia Artificial (4) pero en UVigo Motorsport tamén hai estudantado de titulacións como Educación Social, Enxeñaría de Organización ou Administración e Dirección de Empresas. Ademais, contan con dous asesores profesionais e 12 membros asesores.
O feito de contar cunha base máis ampla agardan que os axude a acadar un dos seus obxectivos principais de cara a este ano, que é “adiantar aínda máis todos os prazos e conseguir un monopraza funcional o antes posible, sobre o cal poder traballar durante varios meses antes das competicións e así obter o máximo rendemento posible”.
Por outra banda, os cambios nos prazos de deseño e fabricación sumado ao feito de que o número de membros sexa de case o dobre que en tempadas anteriores, implica necesariamente cambios organizativos, recoñece o voceiro do equipo. O máis destacable é a creación de subdivisións dentro de algúns dos departamentos máis grandes, o cal permite axilizar o traballo. A isto súmase outra das novidades, a implantación dunha nova plataforma de traballo, que se converte “na nosa canle principal tanto para comunicación interna, para traballar en liña de maneira simultánea ou para almacenamento de documentos e información”.
Valoración da temporada pasada
Respecto da pasada temporada, na que o equipo vigués competiu en Hungría no Formula Student East e en Castellolí no Formula Student Spain, “a valoración global é moi boa”. Hermida recoñece que pese a que os resultados obtidos en Hungría “non foron os desexados, conseguimos que o UM22 superase as inspeccións mecánicas e de normativa, o cal non se lograba dende 2019”. Ademais, engade, “todas as valoracións e consellos recibidos dos xuíces, así como a experiencia dunha competición real, permitíronnos chegar á Formula Student Spain moito mellor preparados”. Así, tras uns axustes finais, a segunda cita estival foi no circuíto de Castellolí, onde superaron sen problemas todas as inspeccións técnicas e mecánicas, así como as probas de seguridade do monopraza, o que lles permitiu finalmente rodar na competición. “O UM22 conseguiu rematar todas e cada unha das probas dinámicas, incluída a Endurance, unha proba de resistencia e fiabilidade que moi poucos equipos completan, e na cal acadamos un 5º posto. No que respecta ás probas estáticas, cabe destacar o 3º posto obtido no Business Plan Presentation, un dos mellores resultados da historia do equipo”.
Formula Student Spain, un fixo do calendario
De cara a esta nova temporada, o equipo aínda non ten decidido cales son as súas preferencias no que aos circuítos se refire. Será unha vez coñezan dos resultados das probas de acceso que se celebrarán maioritariamente este 27 de xaneiro cando decidan. Con todo, recoñecen que a cita co Formula Student Spain é case obrigada, unha competición na que se senten “como na casa”. Á hora de seleccionar unha proba internacional, a decisión é máis complicada, apunta Óscar Hermida. “O pasado ano quedamos moi contentos ca Formula Student East, polo que non descartamos repetir, pero este será o último ano que se celebre competición para coches de combustión en Alemaña, e existe a posibilidade de participar na Formula Student UK en Silverstone, que posiblemente é a competición máis exclusiva; ademais, este ano celebrarase abertamente por primeira vez a Formula Student Portugal. Gustaríanos poder asistir a todas, pero participar nunha competición é moi custoso, polo que cada ano non nos podemos permitir participar en mais de dúas”.
O futuro pasa polo coche autónomo
Nas últimas temporadas da Formula Student o coche autónomo foise abrindo paso ata chegar a ser un requisito obrigatorio, por exemplo, na FSG. É por iso que o equipo vigués foi introducindo estas características nos seus últimos vehículos e, “aínda que o UM23 aínda non será completamente autónomo”, poderá competir sen restricións nin penalizacións nese aspecto. “Estámonos preparando para o momento en que este cambio sexa unha esixencia”, recoñece Hermida, e cada vez máis sistemas do coche están deseñados para poder funcionar de maneira electrónica. De feito, un dos maiores avances do departamento de electrónica este ano, lembra “é conseguir implementar o protocolo de comunicación CAN-Bus, que será moi necesario para o futuro coche autónomo”. No que se refire á autonomía do vehículo, para esta temporada os retos de UVigo Motorsport son principalmente dous: “conseguir un prototipo autónomo funcional e real e poder participar nunha competición de coches autónomos”.