UVigo SpaceLab dá un salto “abismal” coa estrea dunha estación terrea sen precedentes na UVigo

Publicidad

“Un salto abismal”. Así se refiren as alumnas e alumnos de UVigo SpaceLab á súa nova estación terrea, unhas instalacións situadas no edificio Filomena Dato que se converterán no “corazón do procesamento da sinal e futuro centro de control para a misión espacial BIXO”, algo no que levaban máis dun ano traballando para a súa completa posta a punto e que agora se converte en “pedra angular” para o futuro éxito da misión.

Así o explicaron este martes os compoñentes do equipo nunha visita institucional que serviu de “posta de longo” desta nova infraestrutura e na que se contou coa participación do director de coordinación do Polo Aeroespacial de Galicia na Axencia Galega de Innovación, Emilio Astray, que estivo acompañado da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o vicerreitor de Transferencia e Sostibilidade, José Luis Míguez; o director do Campus Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva, e o coordinador do grupo de investigación ATRG, Aerospace Technology Research Group, da Universidade de Vigo Fernando Aguado.

Instrumento “crucial” para o éxito da misión BIXO

Esta nova estación ten unha inmensa vantaxe respecto a todas as que houbo ata o de agora na Universidade e que se resume na súa altísima taxa de descarga de datos, grazas a que está dotada de banda S, fronte ás anteriores que eran en banda UHF”, explicaron durante a visita os responsables do equipo. En que se concreta isto? Entre outros moitos exemplos subliñaron que “se desde o satélite se saca unha foto e se quere descargar, coas antenas das que dispoñiamos ata o de agora tardariamos unha semana en poder facelo, en cambio coa antena da nova estación pode facerse en apenas un día”.

A demostración comezou cunha análise detallada dos espectros de banda S e UHF, instrumento “crucial” para a misión, dado que estas bandas son as elixidas para a transmisión de datos do satélite BIXO. Mediante o uso de radios definidas por software (SDR), amosouse aos participantes na visita como se poden identificar e distinguir as sinais recibidas dentro deses rangos de frecuencia. “Este exercicio non só demostra a capacidade técnica da estación, senón que tamén prepara o terreo para anticipar e resolver posibles desafíos na recepción das sinais durante a misión”, explicou o alumnado implicado no proxecto.

“Impresionante” capacidade de control remoto

Un dos aspectos nos que se fixo máis fincapé foi na “impresionante” capacidade da estación para ser monitoreada e controlada remotamente. Neste aspecto, os responsables de UVigo SpaceLab apuntaron que mediante as cámaras de alta definición instaladas arredor da antena e noutros puntos estratéxicos, pódese dirixir e axustar a infraestrutura desde calquera parte do mundo. “Esta capacidade non só é crucial para operacións que requiren axustes precisos de maneira inmediata, senón que tamén demostra o alto grao de autonomía e flexibilidade que a tecnoloxía moderna achega ao seguimento dos satélites”.

Manexo de múltiples zonas horarias en tempo real

Outro dos aspectos máis innovadores da estación fai referencia ao seu manexo de múltiples zonas horarias en tempo real, “o que resulta esencial para a coordinación con outras estacións terreas e operacións satelitais a nivel global”. Esta capacidade asegura que a comunicación co satélite BIXO poida ser sincronizada con precisión, “independentemente da posición orbital do satélite ou a localización de colaboradores na terra”, un aspecto de elevada importancia dada a necesidade de coordinación requirida neste tipo de operacións espaciais.

O novo espazo albergará as bases de datos e software de control, ademais de servir como núcleo para a simulación electromagnética e estrutural. Esta capacidade de simulación resultará básica, segundo indicaron as alumnas e alumnos, para o deseño de antenas e para modelar estruturas dentro do ámbito espacial.

Colaboración con GAIN

A visita a nova estación terrea serviu tamén para contextualizar a importancia da colaboración de GAIN no éxito deste proxecto. Neste contexto desde o equipo lembraron os últimos fitos acadados, entre eles, a comprobación do segundo prototipo da estrutura ou a integración do Totem na sala limpa.

Salir de la versión móvil