Reivindicar a construción da biblioteca en Teis. Este é o obxectivo que perseguían dende a Asociación Veciñal e as Anpas da parroquia viguesa co acto conmemorativo que realizaron este martes.
Co gallo do Día das Letras Galegas, as asociacións realizaron un acto cultural diante do edificio do antigo centro de saúde para reivindicar a construción da biblioteca en Teis “anunciada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, desde hai nove anos”, sinalan.
O evento consistiu na distribución de libros de balde entre a veciñanza para fomentar o uso da lectura na lingua galega e, a seguir, a actuación do contatcontos Miguel A. Alonso Diz.
Desde a Asociación e as Anpas indican que “levamos anos a reivindicar que Teis necesita unha biblioteca, que o edificio que ocupaba o antigo centro de saúde na rúa Enrique Lorenzo, pechado dende o ano 2000, que conta cunha superficie de 1.000 metros cadrados, se destinase para unha biblioteca entre outros usos dotacionais”.
Por iso, as asociacións defenden que “este edificio acolla unha biblioteca, ludoteca e local xuvenil, que conte con libros e non se limite a unha simple sala de lectura como figura na documentación do Concello”.
Tanto a asociación veciñal como as Anpas destacan que “o Goberno local leva anos anunciando a remodelación deste edificio, o último é que as obras comenzarían en 2021 para estar en funcionamento en 2022”.
Rematan as súas reclamacións dicindo que “a día de hoxe descoñecemos cal é o proxecto e os prazos reais para a construción da biblioteca de Teis”.