Verónica Tourón (PSdeG-PSOE) é xa a nova alcaldesa de Salceda de Caselas após de cumprirse o pacto de Goberno subscrito hai dous anos entre socialistas e Movemento Salceda -que mantiña ata o de agora a Alcaldía-.
No pleno extraordinario celebrado no auditorio municipal, Tourón obtivo os sete votos a favor dos concelleiros que conforman o Goberno local, de PSOE e Movemento Salceda, namentres que os catro concelleiros do Partido Popular fixérono en contra. Ao acto asistiron boa parte dos alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño, Condado e A Louriña, ademais do presidente da Fegamp, Alberto Varela, do secretario provincial do PSdeG de Pontevedra, David Regades, e o líder dos socialistas en Galicia, Gonzalo Caballero.
A xa nova rexedora local iniciou o seu discurso lembrando ás vítimas da pandemia do Covid-19 “por respecto” e apostou por “non esquecer” o sufrimento, traballando “xuntos, sen diferenzas”. Tourón defendeu que a política “serve para moito máis que para crispación e liortas” e convidou á oposición a “camiñar xuntos e xuntas”.
Tourón insistiu en que o equipo “seguirá traballando unido” para que os cidadáns de Salceda “poidan vivir mellor dándolle os servizos e infraestruturas que merecen”. Así mesmo, tamén mostrou a súa “gratitude” a primeira alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, que deixa o cargo pero continuará como concelleira na corporación municipal como responsable de Vías e Obras, ademais de Igualdade.
Despedida da rexedora saínte
Previamente a este pleno, na xornada deste luns celebrouse o pleno extraordinario no que a até o de agora alcaldesa, Loli Castiñeira (Movemento Salceda), presentou a súa renuncia para permitir que se cumprira o acordo entre ambas formacións.
Nunha mensaxe emocionada, Castiñeira expresou que “chega o momento de renunciar ao cargo de alcaldesa de Salceda de Caselas”, sinalando que a renuncia obedecía “exclusivamente ao pacto asinado”. “Traballei e xestionei en equipo, defendendo e coidando dos veciños e veciñas, independentemente das súas cores políticas”, expresou.
Na súa despedida, na que amosou “agradecemento a toda a corporación” a xa exalcaldesa defendeu emocinoada e case que entre bágoas, o traballo de Tere Pérez, até ese momento xefa de Gabinete do Goberno local, que agora deixa tamén o seu posto. “Tócame recoñecer a unha muller que no político foi un pilar fundamental na transformación de Salceda [...] pero no persoal foi unha boa e xenerosa como ninguén, entregada e que presta a súa axuda sempre”. “Para min a política permitiume coñecela, man a man e mil batallas xuntas farán que non nos separemos nunca” asegurou para finalizar o seu último discurso como alcaldesa cun “grazas amiga”.