1972, o ano no que Vigo puxo contra as cordas o franquismo

Publicidad

Máis de 30.000 traballadores en folga, 400.000 octavillas nas rúas e unha cidade sitiada pola policía. En 1972, Vigo converteuse no epicentro da actividade antifranquista e obreira, marcando a maior mobilización de traballadores da historia de Galicia e poñendo sobre as cordas a un réxime que agonizaba.

Roi Cagiao presentou na tarde de onte o filme documental que relata unha historia que non sempre recibiu o mérito que se merece. A longametraxe, Vigo 1972, recolle as testemuñas dos protagonistas en primeira persoa dunha folga que, ademais de parar Citroën e os estaleiros vigueses, conseguiu o apoio de gran parte da cidade e a paralización total de Vitrasa.

Os dirixentes sindicais de Citroën, Juan Bacariza e Francisco Lores, as de Álvarez, Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, o cofundador de Galicia Socialista, Camilo Nogueira, o responsable do Movemento Obreiro do PCG, Carlos Barros, o seu secretario comarcal, Carlos Núñez, o dirixente sindical do naval, Juan Benavides, o de Vulcano, Waldino Varela, o dirixente sindical en Ferrol, Rafael Pillado, e a avogada do despacho laboralista que defendeu á maioría de traballadores, Elvira Landín, narran os feitos que desencadearon a maior folga de Vigo.

Como foi posible dobregar durante 15 días, dende o 9 de setembro e até o 23, á represión da ditadura? “Pola gran convicción dos traballadores”, apunta Roi Cagiao, director do filme, quen aproveita tamén para reflexionar sobre o papel dos sindicatos, hoxe desprestixiados xa que “sen eles, hoxe estaríamos aínda no século XIX”.

A película estrearase en cines o vindeiro 27 de outubro e trasládanos a tensión obreira e social do momento a través das diferentes entrevistas, pero tamén dunha recreación dos feitos. En 55 minutos de duración, o filme reflexiona sobre o papel as asembleas obreiras e de fábrica, e tamén da importancia fundamental do reparto de octavillas. “Polas mañás, os barrios obreiros aparecían regados de octavillas que chamaban á folga”, aclara Cagiao.

O director e produtor do filme durante a preestrea

Papel feminino

“Vigo, 1972” analiza tamén o papel xogado polas mulleres, as veces esquecido. As dirixentes sindicais de Álvarez, Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, sacrificaron a súa vida familiar pola causa común. Ambas relatan no filme a dureza de ser unha muller mobilizada nos anos 70. Tiñan que soportas longas xornadas laborais, reunións sindicais que terminaban ben entrada a madrugada e as críticas da veciñanza por estar fora da casa tanto tempo.

Perderon a infancia dos seus cativos, pero o máis doloroso para elas era a crítica dos seus propios compañeiros, quen lles animaban á volver á casa porque aquelas reunións eran tema de homes. Así, tiñan unha dobre loita, a obreira e a feminista.

A o longo dos días, a represión aumentaba e os obreiros respondían con maior mobilización até que o 16 e 17 de setembro vívese o cumio da folga con até 30.000 obreiros fora das fábricas. Finalmente, o mércores, 23 de setembro, a folga remata. Sáldase con 4.000 traballadores despedidos pero despois de lograr unha gran repercusión internacional, aumentar a capacidade organizativa dos traballadores e deslexitimar ao franquismo para dar comezo ao inicio do fin do réxime.

O sector naval uníuse dende o comezo á folga iniciada en Citroën

Podería Vigo volver liderar hoxe unha mobilización masiva como a do 72? “O factor obxectivo existe: precariedade, emigración, baixos salarios”, reflexiona Cagiao, pero “non o subxectivo xa que non hai esa capacidade de compromiso, de conciencia de clase e de sacrificio”, puntualiza.

O director do filme aclara que o movemento do 15-M, que levou a milleiros de persoas as prazas de toda España foi un “revulsivo importante” pero “non é fácil, as veces cremos que estamos militando por enviar un chío en Twitter”.

Salir de la versión móvil