O alcalde presentou esta mañá as grandes cifras do orzamento para 2021 que alcanza os 264 millóns de euros. A estas contas hai que sumar os investimentos de máis de 33 millóns de euros e 55 actuacións que irán con cargo aos remanentes como modificación do orzamento deste 2020.
O orzamento aprobado pola Xunta de Goberno suporá un aumento de 787.965 euros con respecto a 2020, cando a cifra era de 263.223.072 euros. As contas tradúcense nunha cifra récord “para mobilizar a economía da cidade nun ano moi difícil”, segundo defende o rexedor, Abel Caballero. Manteñen débeda cero e un prazo de pago a provedores de 9 días.
As taxas e os impostos quedarán conxelados, e Caballero promete que incluirá “rebaixas de tributos para as actividades máis afectadas pola crise sanitaria”. O alcalde de Vigo defende que hai que engadir outros dous millóns de euros que supuxeron as rebaixas na recollida do lixo, dos vados e no recibo de auga durante o período no que estiveron pechados comercios e negocios de hostalaría.
Ademais, nestes 264 millóns de euros non están incluídas aínda as achegas da Deputación de Pontevedra, o que elevará “substancialmente” o orzamento de 2021 e, polo tanto, permitirá mobilizar unha “inxente cantidade de recursos” durante os próximos meses.
Máis de dez millóns en humanizacións
Os orzamentos para o vindeiro ano recollen unha importante achega para continuar o proceso de humanización das rúas da cidade. A maior cantidade irá para os accesos a estación de tren e centro comercial Vialia, que suporán un investimento de 5,9 millóns de euros.
Amais, destaca a culminación da humanización de Martínez Garrido con 550.000 euros e a primeira anualidade da humanización da Avenida de Madrid, con 2,2 millóns de euros. Entre outras actuacións atópase a reforma da Praza de San Mauro, en Matamá (300.000 euros), o novo paseo de Bouzas (550.000 euros) ou a humanización de García Barbón entre Rosalía de Castro e Isaac Peral (244.000 euros).
Amais, destínanse 2,3 millóns para o proxecto de Vigo Vertical, coas obras de Porta do Sol (1,4 millóns), varios elevadores entre Camelias e Hispanidade (400.000 euros), un ascensor entre Jacinto Benavente e Torrecedeira (300.000 euros) e o segundo ascensor proxectado entre Travesía de Vigo e Aragón (300.00 euros).
Tamén se renovará totalmente a iluminación do parque da Guía, en Teis, cun investimento de 397.807 euros, aos que hai que sumar un novo plan de alumeado público de 447.807 euros, que se engade aos 2,5 millóns do Plan de Eficiencia Enerxética con cargo aos remanentes.
Xerencia de Urbanismo
A Xerencia de Urbanismo tamén deu luz verde esta mañá ao seu orzamento de 7.595.761,58 euros, aos que hai que engadir outros 2,8 millóns de remanentes aprobados esta mañá. Tal e como explicou o rexedor, o obxectivo destas contas pasan, en primeiro lugar, por avanzar na revisión do PXOM coa aprobación do Documento de Aprobación Inicial. Tamén prevé continuar coa expropiación do ámbito da Panificadora así como coa redacción do proxecto de urbanización. Outros ámbitos sobre os que se vai seguir a traballar son Barrio do Cura, Recaré e Cruceiro.
Entre os obxectivos da Xerencia atópanse tamén os traballos para dar continuidade á senda do Lagares desde a Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez, ao tempo que se farán melloras en todo o corredor. A ampliación do PTL e do polígono de Balaídos en colaboración coa Zona Franca; a recualificación dos terreos expropiados na rúa Lalín para poder ubicar a Biblioteca do Estado; manter o oficiña de Rehabilitación de Vivenda no Casco Vello, Bouzas, rúa Bueu-Moaña (Coia), grupo casas de Santa Clara en Barreiro, e ampliando a actuación a outras zonas de Coia, Teis, Beiramar, a Salgueira e San Roque.
O Concello vai seguir colaborando coas comunidades de veciños en medidas de accesibilidade en edificios antigos; continuarase tamén coas execucións subsidiarias para evitar riscos á cidadanía; así como co desenvolvemento do primeiro programa de incorporación ao Rexistro de Soares creado en 2018 coa puxa pública das primeiras parcelas. Outra das principais actuacións urbanísticas previstas para 2021 é a redacción do proxecto para iniciar a rehabilitación de sete vivendas no entorno da Basílica.