Esta mañá, o Concello de Vigo e Aqualia, empresa concesionaria do servizo municipal de augas de Vigo, colocaron a primeira pedra do proxecto de ampliación e modernización da Estación Potabilizadora de Auga (ETAP) da cidade, situada en O Casal. Cun investimento estimado de 23 millóns de euros, a construción acometerase ao longo dos próximos 18 meses. Con esta nova instalación, Vigo eleva a súa esixencia por encima da nova Directiva europea sobre a auga de consumo humano, nunha clara aposta de futuro. Trátase dun proxecto revolucionario, xa que o uso de membranas de ultrafiltración para a mellora da calidade da auga na potabilización da auga dunha gran cidade como Vigo supón un fito tecnolóxico.
A potabilizadora construirase en dúas fases
O proxecto de ampliación e modernización da Potabilizadora realizarase en dúas fases principais. Na primeira, terá lugar a construción, sobre o decantador existente, dun innovador edificio de dúas alturas e planta circular. Na planta inferior, albergaranse as canles de floculación e remineralización e os depósitos da auga pretratada nesta fase, e o bombeo ata a planta superior, onde se situarán os sistemas de filtración e de ultrafiltración (o corazón da nova ETAP), que, cunha capacidade de filtración de partículas de 0,02 micras, fornecerá auga dunha calidade excepcional. Unha vez estea operativo, a auga ultrafiltrada conducirase, por gravidade, ao depósito de cabeceira que ten 132.000 m3 (a auga equivalente a máis de 50 piscinas olímpicas) e de aí ao sistema de distribución que pasa por ser a maior infraestrutura hidráulica de Galicia. Nesta fase, tamén se construirá un novo edificio para os reactivos necesarios no tratamento.
Unha vez que o sistema de ultrafiltración estea operativo e xa se estea producindo auga a partir del, activarase a segunda fase que contemplará a remodelación da instalación ao completo e a construción dun laboratorio de última xeración, así como unha nova sala de control totalmente automatizada.
Grandes retos do proxecto
Un dos grandes retos aos que se enfronta o proxecto é continuar co tratamento e distribución de auga mentres a nova ETAP constrúese na mesma localización. O servizo de auga potable seguirase prestando con total normalidade aos máis de 500.000 cidadáns dos 5 municipios que reciben auga desta planta mentres as obras avanzan. Todo isto esixe, non só un know how tecnolóxico na vangarda senón, ademais, unha enorme capacidade de enxeñaría, planificación e coordinación entre o desenvolvemento das obras e a prestación en continuo as 24h/ os 365 días dun servizo esencial como é o do abastecemento de auga de calidade.
Evento colocación primeira pedra
No acto de colocación de primeira pedra, que tivo lugar esta mañá nas instalacións de Aqualia en Vigo, participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; David Regades, delegado Consorcio Zona Franca de Vigo; e os tenentes de alcalde, Javier Pardo, Elena Espinosa e María José Caride.
Por parte de Aqualia estiveron presentes Félix Parra, CEO de Aqualia; Santiago Lafuente Pérez-Lucas, Director Nacional de Aqualia; Juan Carlos Rey, Director Zona; José Luís García Ibáñez, director da delegación de Aqualia en Galicia e José María Ardoy, Director Aqualia Vigo. Nunha orixinal tubaxe de fundición introducíronse, ademais dos xornais do día e as moedas de curso legal, un cd co proxecto e unha botella de auga en sintonía coas novas instalacións.
ETAP do Casal
A ETAP do Casal foi construída a mediados dos anos setenta para tratar a auga procedente da concesión que o Concello de Vigo dispuña no río Oitavén e fornece preto do 90% do total de auga potable que se consome na rede municipal de abastecemento de Vigo. Durante este tempo, no ano 1992 instalouse un equipo de tratamento da auga mediante ozonización e, no ano 1999, dotouse á planta dunha instalación para tratamento de lodos e outras melloras.