As praias viguesas de Samil e O Vao contarán ao longo de todo o verán dun servizo de baño adaptado a persoas con problemas de mobilidade. O dispositivo de accesibilidade está composto por cadeiras e muletas anfibias que posibilitan, coa axuda dun equipo de cinco profesionais, o baño das persoas con mobilidade reducida, ademais do acceso e saída dos areais.
Segundo explicou Abel Caballero, o servizo é gratuíto e está dispoñible durante os meses de xullo e agosto en horario de mañá e tarde (de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas).
Este dispositivo municipal ofrece aos usuarios o baño adaptado con cadeiras anfibias ou con muletas, apoio para acceder e saír das praias e a cesión do material ás entidades que conten con técnicos propios. O equipo está composto por cinco profesionais, que, xunto ás cadeiras e muletas anfibias, contan con grúas hidráulicas para a mobilidade dos usuarios da cadeira de rodas á anfibia, chalecos salvavidas, padiolas e biombos para cambiarse de roupa e carpas con lona parasol, para facilitar unha zona de sombra antes e despois do baño.
No pasado verán, o equipo municipal prestou case que 1.700 servizos, 1.100 destes en Samil, facilitando uns 500 baños con cadeiras anfibias.