“Estamos para escoitar” é o lema baixo o que hoxe púxose en marcha a Área de Responsabilidade da Muller, un novo servizo no centro de saúde de Lavadores. Trátase dunha consulta específica atendida por unha enfermeira, Susana Álvarez, para calquera muller con algún problema de violencia física ou psíquica.
Segundo explica a xefa do servizo deste centro de saúde, Carmen Durán “este proxecto nace dun grupo de enfermeiras que, preocupadas e comprometidas con este tipo de problemática das mulleres, veñen detectando casos de violencia, moitas veces invisibles, que as vítimas solo son capaces de verbalizar nun ambiente seguro e de confianza. A estas mulleres queremos escoitalas e axudarlles na busca de solucións”.
Segundo o último estudo realizado na Área Sanitaria de Vigo, o 30% das mulleres que acoden aos centros de atención primaria teñen sofrido algún tipo de violencia de xénero nalgún momento da súa vida. Neste senso, “os equipos de profesionais sanitarios xogamos un papel fundamental na detección destes casos, xa que aínda que non todas as mulleres denuncien, o 100% delas van a acabar nas nosas consultas, debido as repercusións da violencia na sua saúde”, asegura a doutora Durán.
Formación aos profesionais
O pasado ano, na Área sanitaria de Vigo creouse un grupo de traballo liderado pola doutora Rosana Izquierdo, do centro de saúde de Sárdoma, para desenvolver un programa de formación especifica en violencia de xénero ao persoal de atención primaria.
Con esta formación trátase de facilitarlle ao persoal sanitario ferramentas para incrementar a súa capacidade de detección destes casos de violencia machista, que as veces é moi difícil de detectar, sobre todo a psicolóxica. Ademais, unha vez detectado un caso, é importante realizar unha intervención segura e eficaz, polo que os profesionais deben coñecer os recursos dispoñibles e os procedementos de derivación aos servizos competentes.
Actividades conmemorativas en Lavadores
O centro de saúde de Lavadores conmemorou hoxe de xeito especial o Día Internacional da Muller cunha iniciativa para homenaxear a aquelas cuxas achegas melloraron a nosa vida e contribuíron a facer un mundo mellor. Así, colocaron fotografías destas mulleres na portas das consultas xunto coa súa achega histórica.
Tratase de 17 mulleres, entre as que pódese subliñar a Isabel Zendal, primeira enfermeira da historia en participar nunha misión sanitaria e de saúde pública; Margarita Salas, descubriu a replicación do ADN; Elvira Dávila, pioneira das transfusións de sangue; Elvira López, enfermeira militar que participou no primeiro voo da aviación sanitaria española; Letitia Mumford, inventou e patentou a xiringa que se pode usar cunha soa man; Anita Dorr, deseñadora do primeiro carro de paradas con medicación, etcétera.
Ademais, editaron uns dípticos que entregaron aos usuarios do centro, no que reiteran o firme compromiso dos profesionais do centro coas mulleres.
80% son mulleres Doutra banda, con motivo do Día da Muller, a Área Sanitaria de Vigo fai público o seguinte dato: a día de hoxe as mulleres representan o 80% de todo o persoal, das diferentes categorías profesionais, que traballan na sanidade pública desta área.