Santiago acolle unha nova manifestación en defensa da sanidade pública. A mobilización terá lugar o vindeiro 9 de febreiro. Marea de Vigo rexistra unha moción amosando o apoio á convocatoria da Plataforma en defensa da sanidade pública e solicitando a toda a Corporación viguesa o apoio a esta protesta que percorrerá as principais rúas da urbe galega ante a situación e perspectivas na área sanitaria de Vigo tras os recortes de recursos, o desmantelamento de hospitais comarcais, o abandono dos Centros de Atención Primaria, as privatizacións e a precarización laboral que está vivindo o persoal sanitario a consecuencia das políticas da Xunta.
“Estamos ante un momento importante para a nosa vila, na que a Corporación municipal, e como representantes do conxunto da cidadanía, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberíamos traballar conxuntamente para que en Vigo se poida dispor e acceder a uns servizos sanitarios públicos de calidade”, matizou a concelleira Oriana Méndez. “Non se pode nin se debe admitir o deterioro do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público”.
Ademais do apoio explícito á mobilización do 9 de febreiro, a Marea de Vigo solicita nos acordos da moción a “revisión dos concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade”, co obxectivo de “acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario”.
Do mesmo xeito, Marea de Vigo quere incidir na necesidade da mellora tanto das condicións do persoal, con incrementos orzamentarios e de propio persoal nos centros de saúde, coma das e dos pacientes, coa redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos.