Vigo xa conta cun Ensemble de Chelos creado ao acubillo da Orquestra Kv2211

Publicidad

A Orquestra Kv2211 presentou esta fin de semana o seu novo Ensemble de Chelos durante o concerto “Música clásica polas parroquias", que se celebrou na AVCD Monte da Mina de Castrelos. O recital, con cheo absoluto, comezou coa actuación da Orquestra Infantil Kv2211 baixo a dirección de Raquel Fernández. Máis de treinta nenos e nenas de 7 a 14 anos de idade, apoiados por músicos colaboradores da Orquestra Xuvenil, interpretaron un amplo repertorio de dez pezas. "Podíanse respirar os nervios dos máis cativos que se estreaban coa Orquestra e que non esquecerán este primeiro día", explican dende a agrupación.

A continuación, subiu ao escenario o Ensemble de Chelos, integrado por 16 chelistas da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 que interpretaron dúas pezas adaptadas e arranxadas por Miriam Fernández, directora da agrupación. Co Ensemble de Chelos, a Orquestra Kv2211 "dá un paso adiante na diversificación das súas actividades formativas e interpretativas dos músicos de corda que a constitúen", sinalan. O punto forte deste Ensemble de Chelos é precisamente a integración de todos os violonchelistas da Orquestra, desde os máis pequenos aos máis veteranos.

O ciclo “Música clásica polas parroquias” –deseñado para fomentar e divulgar os instrumentos de corda en todas as áreas de Vigo– forma parte da programación que a Orquestra Kv2211 desenvolve en colaboración co Concello de Vigo. O próximo concerto da Orquestra terá lugar o domingo 26 de novembro ás 18:00 horas no Centro Cultural de Bembrive co gallo da celebración de Santa Icía, patroa da música.

Salir de la versión móvil