Redondela contará cun Centro de Emprendemento que impulsará o desenvolvemento económico, industrial e empresarial do municipio e do que “sairán grandes proxectos que contribuirán a xeración de emprego”. Así o expresou esta fin de semana o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, nunha visita a Redondela para, xunto a alcaldesa Digna Rivas, dar a coñecer o investimento de máis de 670.000 euros recollido nos Orzamentos Xerais do Estado.
O delegado de Zona Franca asegurou con rotundidade que a puxanza que ten Redondela como cuarta cidade da provincia, “ten que ter o respaldo firme da Zona Franca de Vigo que, xunto coa de Barcelona, é a máis importante de España”. Segundo o cronograma previsto, no mes de decembro o Comité Executivo do consorcio aprobará o concurso público para buscar un edificio no casco urbano de Redondela e a súa compra por Zona Franca, para creación do centro de empresas, economía e emprendemento.
Unha vez comprado o edificio procederase á reforma do mesmo. “Se todo vai segundo o planificado –explicou Regades– teríamos o edificio en propiedade no primeiro semestre do ano que ven e estariamos en condicións de adxudicar a obra do edificio no segundo semestre”.
Tanto o delegado de Zona Franca como a alcaldesa de Redondela amosaron o seu convencemento de que do Centro de Negocios “será a ferramenta necesaria para a creación de emprego”. Agora máis que nunca, insistiu Regades, “as administracións temos que poñer todos os nosos recursos e mecanismos para apoiar a xeración de emprego, a economía e manter e estabilizar un salario en cada un dos fogares”. A rexedora local, Digna Rivas, sinalou a importancia desta iniciativa “que marcará un antes e un despois para o desenvolvemento económico do municipio”.
“A Zona Franca é unha das ferramentas máis importantes, senón a máis importante, que ten o noroeste peninsular para o desenvolvemento económico e Redondela, agora, poderá contar con esa axuda para o despegue da súa economía, a mellora da competitividade das súas empresas e xerar emprego”, apuntou Rivas.
A rexedora local expresou tamén a súa satisfacción por ver cumprida “unha dos proxectos que, dende a miña chegada á alcaldía, foi unha prioridade: dar un espazo para que emprendedoras e emprendedores puideran desenvolver os seus proxectos e que fora un elemento de dinamización económica e empresarial”.
“O tempo vai poñendo a cada quen no seu lugar –afirmou Digna Rivas– e cando nos falamos de traballar pola gratuidade de Rande, ou fomentar o emprego e apoiar ás nosas empresas e persoas emprendedores, o facemos como se debe facer, con traballo, sen grandes alardes e conseguindo que sexan compromisos firmes publicados no BOE”. Outros, rematou a alcaldesa de Redondela, “prefiren infografías, e visitas institucionais cheas de promesas baleiras e palabras ao aire” e mentres “ignorar descaradamente necesidades urxentes da veciñanza, como o caso da seguridade viaria de Angorén e Cesantes, que logo de décadas de protestas, ven agora solucionadas por este Goberno en pouco máis dun ano”.