A catedrática África González, entre as candidatas a Top100 Mujeres Líderes

Publicidad

A clasificación Top100 Mujeres Líderes naceu en 2011 co obxectivo de facer cada vez máis visibles a mulleres notables nos seus ámbitos de actuación e que as súas voces se escoiten nos centros de poder. Nesta novena edición, a Universidade de Vigo conta cunha das súas investigadoras entre as candidatas a converterse nunha das cen referentes femininas. Trátase da catedrática de Inmunoloxía e investigadora do Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas, África González. Xunto con ela, outras 42 mulleres conforman a selección na categoría de Académicas, investigadoras e pensadoras do ránking, impulsado pola asociación Mujeres&Cia. Delas, dez conformarán a selección final, que xunto coas seleccionadas nas outras nove categorías, dará forma ao Top100 Mujeres Líderes.

González explica que o feito de “estar na lista de académicas-investigadoras, xunto a outras mulleres excelentes a nivel internacional como Ángela Nieto, da Real Academia de Ciencias; Marta Alarcón-Riquelme, do Centro de Genómica e Investigación Oncológica (Genyo); Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía da USC; Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma do CNIO; Margarita del Val, investigadora de viroloxía do CSIC, etc. que tanto admiro, é todo un orgullo”.

Á categoría de académicas, investigadoras e pensadoras súmanse outras nove: Alta dirección; Cultura, ocio e deporte; Directivas; Empresarias; Función pública, institucional e política; Medios; Profesionais e líderes independentes; Startups e pemes e Terceiro sector e impacto social. A elección estrutúrase de modo que cinco das dez candidatas de cada categoría son elixidas polo Xurado e unha en cada categoría será elixida polo público a través dunha votación en liña que se poderá realizar ata o 16 de marzo. Finalmente, catro candidatas de cada categoría son elixidas por MujeresyCía. O xurado estará composto por persoas expertas de perfil internacional designadas por MujeresyCía, atendendo á diversidade de sexo, ideoloxía, coñecementos e áreas de influenza.

Estar na lista, todo un orgullo

África González explica que foi Carla Reyes, presidenta de Executivas de Galicia e líder de Referentes Galegas quen a animou a postular a súa candidatura. “É o primeiro ano que me presento, para poder facelo é importante contar co apoio de asociacións ou sociedades que avalen a túa candidatura”. No seu caso, son dúas as entidades que a apoian: Executivas de Galicia e a Sociedad Española de Inmunología, en nome do presidente, o doutor Marcos López Hoyos. Recoñece que ter sido proposta por estas dúas entidades ilusionouna moito, “isto amosa o apoio e o cariño que me teñen” e anima a entrar na web e consultar a lista de mulleres candidatas, “sorprenderanse do talento que hai en España e, sobre todo, en Galicia”.

Coa vista posta no posible resultado da votación, a catedrática viguesa avanza que se resulta elixida, “ademais da ledicia de ter sido votada, gustaríame poder desenvolver iniciativas para axudar ás máis novas e que Top100 poida ser a plataforma de inicio para visibilizar novos talentos”.

Ir cambiando estereotipos

Este movemento de Top100, como lembra a catedrática da UVigo, “intenta visibilizar as mulleres en distintos ámbitos e dicirlle á sociedade que estamos aí, que hai mulleres, moitas mulleres e moi válidas. Moitas delas foron invisibles, pero agora con estas iniciativas dan un paso á fronte. Creo que é unha forma moi boa, sobre todo para amosar á infancia e á xuventude, que vexan que en distintas facetas da sociedade hai mulleres xuízas, investigadoras, xornalistas, sanitarias, enxeñeiras, informáticas… e se vaian cambiando estereotipos”. De feito, dende a organización apuntan que dende a primeira edición, en 2011, o ránking Top 100 Mujeres Líderes en España fixo posible que se visibilizara o talento de máis de 5000 mulleres. Ademais, esta iniciativa tamén foi crecendo e asentándose, pasando das 300 candidaturas nos seus inicios a máis de 1000 postulantes, e de 900 a 28.300 votos.

Salir de la versión móvil