A ciencia respalda o valor excepcional das Illas Cíes: "Hai moi poucos lugares no mundo así"

Publicidad

O alcalde, Abel Caballero, e o coordinador do comité científico da candidatura, Emilio Fernández, presentaron este luns no Mar de Vigo unha publicación que supón un paso máis no proxecto Illas Cíes Patrimonio da Humanidade, un libro que difunde, de xeito sinxelo, o saber acumulado por máis de vinte profesionais en case que catro anos de traballo.

Tanto Caballero como Fernández puxeron en valor o traballo dos investigadores das tres universidades galegas, do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), ademais dos colaboradores externos. Sobre a conformación do comité científico, o coordinador eloxiou ao elenco de integrantes, mais lamentou a ausencia de representación do Parque Nacional Illas Atlánticas -que non respondeu á invitación cursada- e agradeceu ao alcalde que non houbera condicionantes políticas nin na elección dos seus participantes nin no traballo a desenvolver.

Emilio Fernández explicou que o comité que coordinou intentou "romper a pel" das illas para entender o seu funcionamento. Así, os científicos -que identificaron a súa xuventude, seis mil anos- comprenderon que unhas Cíes "novas e próximas á costa" explican que carezan de especies distintas ás do litoral, pero o seu emprazamento, na fronteira entre as zonas temperadas máis cálidas do sur e as temperadas máis frías do norte, as converten “nun observatorio extraordinario para entender a resposta dos ecosistemas ao cambio climático e ao cambio global en xeral”. A idade e situación case que litoral tamén permiten apreciar a evolución de especies como as salamandras, indicou Fernández, e por suposto observar a “enorme interacción” do arquipélago co entorno humano, unha convivencia que se erixe en “desafío fundamental para o futuro”.

O estudo que este libro aglutina singulariza o máis característico do arquipélago vigués, “un laboratorio excepcional para entender a evolución, a resposta dos ecosistemas e a interacción dos seres humanos co medio natural”, segundo resumiu Fernández. "Hai moi poucos lugares no mundo que conten con esas características no mesmo espazo”, valorou Fernández. Este coñecemento científico está agora publicado no libro “Illas Cíes: un ecosistema na fronteira”, editado nunha linguaxe apta para todo tipo de públicos.

O alcalde felicitou ao comité "de altisimo nivel", subliñou que "o resultado supera o que puidéramos ter imaxinado" e asegurou que as Cíes "serán Patrimonio da Humanidade", o que suporá "a garantía da atención, da investigación e da sostibilidade das illas". Abel Caballero afirmou que o traballo dos investigadores continuará da man do Concello e comunicou que "claro que queremos sentir o orgullo de que o mundo enteiro recoñeza ás illas Cíes", porque "esta cidade quere ás illas Cíes como á nena dos seus ollos".

Salir de la versión móvil