A danza contemporánea de Clara Ferräo invita á mocidade a reflexionar sobre la violencia machista

Publicidad

A danza contemporánea e a relación que teñen os homes cos vehículos e a mecánica foron as grandes protagonistas da performance de Clara Ferräo hoxe en Vilaboa. No marco da vixésimo terceira acción da VI edición do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, a artista levou “Vicisitude” ao Centro Público Integrado do Toural para invitar á mocidade a reflexionar sobre a repercusión do maltrato físico e psicolóxico dos homes coas mulleres. A actuación foi seguida en directo por 70 alumnas e alumnas de 3º e 4º da ESO do centro, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a concelleira Igualdade en Vilaboa, Carmen Gallego.

A acción escénica de Ferräo, creada para “Violencia Zero”, consistiu nunha peza de danza contemporánea na que a artista fixo partícipes aos e ás asistentes do vínculo de respecto que teñen os homes cos seus coches para comparalo coa violencia física e psicolóxica que, pola contra nalgúns casos, exercen nas mulleres. A artista comezou a peza de costas ao público, e metaforicamente á violencia, mentres soaba unha canción mexicana que xiraba arredor da violencia machista e a morte tan presentes no país americano. A continuación, cunha danza moi marcada, Ferräo foi recitando frases como “non aceleres”, “non suxeites”, “non forces” ou “non espremas” para pór de relevo o agarimo co que os homes coidan aos seus vehículos para garantir o seu óptimo rendemento mentres que descoidan ás mulleres, chegando aos límites de maltratalas e incluso rematar coas súas vidas.

“Vicisitude” fai visible á mocidade unha realidade palpable no seu día a día. A súa creación contou coa participación de artistas como Eva Comesaña, Gabriel Vázquez, Alicia Ocadiz, Nuria Sotelo, Rubén Vilanova, Breogán Rodríguez e Juan Luís León; que ao longo dos últimos 12 meses colaboraron coa artista en maior ou menor medida para dar lugar aos 20 minutos que presenciou esta mañá o alumando. A actuación rematou cun pequeno coloquio no que Clara Ferräo falou do proceso de creación e interactuou cos e coas asistentes.

Esta foi a antepenúltima acción levada a cabo dentro da VI edición do programa, que este ano ten como lema “Emerxencia cultural, urxencia feminista! Nin un paso atrás na loita contra a igualdade”. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Amais, a “nova normalidade” na que se desenvolveu esta edición propiciou que o proxecto incorporase novos soportes na acción transversal a favor da igualdade, que se materializaron en máscaras con creatividades feministas deseñadas por Lara Lars, Gemma Marqués e Laura Romero. Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia desde o seu inicio en 2015, o programa da Deputación de Pontevedra continuará a súa andadura en Soutomaior.

Salir de la versión móvil