A Deputación de Pontevedra publicou este mércores, 17 de agosto, o anuncio da poxa para a colleita de uva albariña e outras variedades brancas da leira do Castelo de Soutomaior. Esta emblemática finca, propiedade da institución provincial, conta cunha explotación vitivinícola desde o ano 1984 que ocupa unha superficie de máis de catro hectáreas das 30 coas que conta todo o complexo histórico e patrimonial.
As empresas interesadas en recoller e aproveitar comercialmente a uva poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de agosto. A adega adxudicataria levará a cabo a vendima na mesma veiga do castelo e encárgase tamén do traslado da uva. O único criterio de adxudicación que se ten en conta é a poxa máis alta partindo dun prezo mínimo establecido. Este ano, a subasta da Deputación iníciase cun tipo de saída de 1,25 euros por quilo de uva albariña e de 0,95 euros para as outras variedades brancas co IVE incluído.
Prevese que a colleita será máis pequena ca do curso pasado por unha menor nascencia de acios. Calcúlase que pode alcanzar os 12.000 quilos de uva entre albariño e variedades, case 5.000 quilos menos dos recollidos no 2021 (16.800 quilos), pero por enriba dos 11.024 quilos de 2020.
A explotación vitivinícola de Soutomaior distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmicos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente. A uva do castelo é autóctona, na súa maioría albariño, pero tamén hai outras variedades tanto brancas como godello, torrontés, loureiro e treixadura como tintas como mencía e sousón.