A Deputación de Pontevedra tingue de negro o espazo central do Marco de Vigo polo 25N

Publicidad

A cor negra tinguiu este venres en Vigo o espazo central do Museo Marco, o Panóptico, para reivindicar a loita contra as violencias machistas no acto co que a Deputación conmemorou o 25N. A escultura de Francisco Leiro que simboliza unha muller foi cuberta polas creadoras da acción Canon Circular, Iria Sobrado, Ana Gesto e Helena Salgueiro, cunha tea negra nunha impactante performance de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que unha vez máis buscou “mobilizar conciencias a través da arte”, como destacou Carmela Silva. A presidenta provincial incidiu hoxe na necesidade de loitar contra o “desprezable discurso do negacionismo” e reivindicou as alianzas dende o feminismo para facerlle fronte.

Con Canon Circular, as artistas Sobrado, Gesto e Helena Salgueiro, quixeron representar a dor das mulleres a través da cor negra, da súa voz e dos seus movementos, “como abellas nun enxame” e, máis concretamente, a invisibilidade das mulleres dentro dos espazos nobres dos museos. Ao longo da acción, as tres creadoras foron cubríndose e descubríndose tamén coa tea negra, simbolizando deste xeito a necesidade de estar case cubertas para entrar nos museos e, unha vez dentro, descubrirse.

Na súa intervención, Carmela Silva puxo o foco no lema co que este ano a Deputación celebra o 25N: “Fronte ao negacionismo, alianzas dende o feminismo” para responder “ao desprezable discurso” que segue a negar “a violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de selo, partidos políticos con representación incluso nalgúns gobernos que seguen a negar a evidencia”. A presidenta lembrou as 38 mulleres asasinadas no que levamos de ano e as 1.171 desde 2003. “É un feminicidio en toda regra, ningún outro terrorismo ten tantas vítimas e sen embargo a sociedade normalizou as agresións e os asasinatos de mulleres. Son 1.171 berros que nos teñen que mover para rematar con estas violencias”, concluíu.

Declaración institucional

Pola mañá, no pleno da corporación provincial foi a profesora Azucena Arias a que leu a declaración institucional da Deputación neste 25N, que incide en que a violencia machista “non é un invento ideolóxico, como afirman perversamente os negacionistas, senón unha dramática realidade”, con datos aterradores, entre eles o aportado desde o Sistema Viogén que sinala que desde outubro de 2007 ata este ano xestionouse información sobre 629.789 vítimas de violencia de xénero. Afirmou que “non é unha violencia máis”, senón unha violencia estrutural que se manifesta de distintas formas e en distintos ámbitos e “por ser muller” e apoiada por “mitos que a esvaecen e dilúen”.

Salir de la versión móvil