A Deputación de Pontevedra vén de conceder subvencións dez festas de interese turístico na provincia por 72.000 euros. Ademais, porá en marcha dous proxectos que crearán produto en torno á Festa do Corpus Christi (Ponteareas) e á Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) da man dos Plans de Sostibilidade Turístia no Destino, que foron concedidos para as comarcas do Deza-Tabeirós-Montes e do Condado-Paradanta ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Neste marco, a institución provincial achega 48.000 euros ás seis festas de interese turístico internacional (8.000 € a cada unha). Xa se celebraron a Arribada de Baiona e a Feira do Cocido de Lalín e a seguinte quenda será para o Corpus de Ponteareas esta próxima fin de semana, seguido da Rapa das Bestas de Sabucedo en xullo e a Festa do Viño de Cambados e Romaría Vikinga de Catoira en agosto. Outros 24.000 euros irán destinados ás catro festas de interese turístico nacional da provincia (6.000 € a cada unha). Delas, a Lamprea de Arbo e a Reconquista de Vigo xa se celebraron este ano, e a Festa da Auga de Vilagarcía e a do Marisco no Grove terán lugar nos meses de agosto e outubro. Todas elas converten a Pontevedra Provincia no destino estatal con máis festas de interese turístico asociadas á identidade cultural.
A Deputación tamén levará a cabo accións dentro dos Plans de Sostibilidade Turística no Destino. No Condado-Paradanta realizarase un museo ao aire libre dedicado á Festa do Corpus Christi, coa creación de elementos de divulgación deste ben patrimonial e creación de experiencias dixitais para a posta en valor deste patrimonio inmaterial. E ao abeiro do Plan de Deza-Tabeirós-Montes levarase a cabo unha intervención para a posta en valor da Rapa das Bestas. Consistirá na renaturalización do “Campo do Medio” para recuperar os valores ecolóxicos do entorno, na instalación dun miradoiro na zona de pasto e na creación de experiencias inmersivas a través dun sistema de realidade aumentada. Ambas intervencións serán consensuadas cos concellos de Ponteareas e A Estrada así como coas asociacións organizadoras das festas.
Ademais, a Deputación leva a cabo accións promocionais tanto das festas como dos destinos nos que teñen lugar a través de Turismo Rías Baixas e dos medios online, así como con accións de presentación e divulgación dos eventos.