A festa das Letras Galegas arranca nos súper de Vegalsa-Eroski en Vigo con agasallos

A rede comercial da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski celebrará o Día das Letras Galegas homenaxeando a figura de Begoña Caamaño nas súas tendas de Galicia. A campaña chega a 150 dos seus establecementos hipermercados Eroski, supermercados Eroski Center e Autoservicios Familia, con carteis conmemorativos deseñados polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, nos que se reflicte a infancia creativa da autora. Ademais, as tendas contarán durante todo o mes de maio con bolsas de compra de edición especial.

Durante o sábado 16 de maio, os establecementos Autoservicios Familia e Eroski Center de Vigo, cidade onde naceu a xornalista e escritora homenaxeada, tamén repartirán como agasallos marcapáxinas coa imaxe da campaña deste ano ata esgotar existencias.

O supermercado Eroski Center de Portanet de Vigo acolleu esta mañá a pegada de carteis coa que a compañía presenta a súa tradicional campaña das Letras Galegas, froito dunha colaboración coa Xunta de Galicia. O evento contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; a irmá da homenaxeada, Beatriz Caamaño; a académica de número e membro da directiva da RAG, María Dolores Sánchez; e o director de hipermercados, supermercados e gasolineiras Eroski en Vegalsa-Eroski, Florentino Vázquez.

“Desde Vegalsa-Eroski, alentamos a todos os nosos clientes a que lean historias e expandan a súa imaxinación como fixo Begoña Caamaño e non hai mellor forma de facelo que xunto ao marcapáxinas conmemorativo que podedes conseguir nas nosas tendas de Vigo durante este fin de semana”, remarcou Florentino Vázquez.

Vegalsa-Eroski defende que busca potenciar os valores propios da identidade galega reflíctese no seu cadro de persoal, conformado por 8.120 traballadores, o 88% en Galicia, e na súa firme aposta polos provedores galegos. Tamén nas súas tendas, incluíndo o galego nos rótulos, na súa comunicación comercial e na súa marca propia, rotulada nos catro idiomas oficiais de España. Sen esquecer o seu apoio a iniciativas que contribúen á súa conmemoración e posta en valor como este Día das Letras Galegas.

Salir de la versión móvil