A paixón polas Tanxugueiras chega ao diccionario: elixidas como palabra do ano 2021

GLORIA MONTENEGRO

Publicidad

Vai rematando un ano máis marcado mundialmente pola pandemia, pero o 2021 tamén trouxo alegrías que moi ben soan. A palabra que simboliza unha delas, "tanxugueiras", é a Palabra do Ano 2021, tras se facer coa maioría dos votos das persoas que participaron na elección popular promovida polo Portal das Palabras.

A voz máis elixida entre as que chegaron á final do concurso, promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié (tamén o fixeron "coada", "gromo", "resiliencia" e "vacinódromo"), gañou popularidade nos últimos meses da man da banda de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, un referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, á música tradicional galega.

Aínda que non teña presenza no Dicionario, a palabra que escolleron para chamarse artisticamente ten as raíces ben chantadas no idioma de Galicia: "Tanxugueiras" é en realidade o plural dun microtopónimo, que elevado á Palabra do Ano se converte tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo.

O topónimo "Tanxugueira", popularizado pola banda musical, designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós  en Ourense, situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira en Pontevedra, Dodro en A Coruña e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na plataforma Galicia Nomeada, a páxina web para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica "Teixugueira", un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo.

A pegada da pandemia, do segundo ao cuarto posto

Malia non poder coa ilusión contaxiosa da música, a Covid-19 si que deixa pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación, que son para "resiliencia", "vacinódromo" e "gromo". Aínda que resiliencia, na acepción da capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, é unha virtude útil en calquera momento, non hai dúbida de que o impacto na vida cotiá da pandemia fixo que se escoitase máis ca nunca nos últimos tempos.

A loita contra o coronavirus non só elevou ás primeiras planas palabras xa coñecidas que non adoitaban ser noticia, tamén promoveu a creación de novas voces coma "vacinódromo", sen dúbida un dos neoloxismos do ano. Este vocábulo, de xeración popular, dá nome ao lugar ao que acudimos a nos vacinar contra a Covid-19, e fórmase a partir do substantivo "vacina" e do sufixo "-dromo". Este último, nun primeiro momento indicaba o sitio onde se desenvolvía unha carreira, aínda que na actualidade fai referencia a un lugar amplo destinado a unha actividade concreta, como pode ser un aeródromo. Por iso non sorprende que a fala xerase a voz "vacinódromo" para referirse ao lugar onde se efectúa a vacinación masiva da poboación.

En canto aos substantivos que toma como base, a palabra que nomea a grande esperanza para saírmos da pandemia procede do latín científico "variola vaccina", que significa "varíola das vacas". O termo xurdiu a finais do século XVIII para designar o remedio que permitiu acabar coa enfermidade contaxiosa tamén coñecida como "boas".

Os votos dos usuarios e usuarias do Portal das Palabras deixaron en cuarto lugar a palabra "gromo", que coa pandemia de coronavirus incorporou na súa entrada no Dicionario da Real Academia Galega o significado de "aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo". En canto a "coada", na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as súas erupcións, quedou en quinto e último lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais dende o mes de setembro.

Nas edicións anteriores foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Salir de la versión móvil