A premiada Biblioteca de Nigrán, obxecto de estudo de arquitectos da Universidade da Coruña

Publicidad

A Biblioteca Municipal do Concello de Nigrán é xa obxecto de estudo na falcultade de Arquitectura da Universidade da Coruña. Con este obxectivo, o edicio recibíu hoxe a visita do alumnado de 2º curso da asignatura 'Análise Arquitectónica', que terá como materia práctica o debuxo das plantas, os alzados ou a análise da axonometría deste espazo recentemente elixido como o mellor edificio de Galicia nos anos 2020-2021. O grupo, acompañado dos profesores do departamento de 'Expresión Gráfica Arquitectónica', realizou unha visita guiada a cargo dos propios artífices, Lucas Gándara e Juan Pons, e foi recibido polo alcalde, Juan González. A semana anterior, Gándara desprazouse ata A Coruña para impartir unha clase ao respecto.

"É un orgullo que a nosa biblioteca se estude na Universidade. Pese a ser tan recente, é xa un edificio icónico de Nigrán que nos sitúa no mapa da mellor arquitectura moderna de todo o país e que, de por si, atrae a visitantes de fora interesados en coñecela", subliña o alcalde, Juan González.

A Biblioteca Municipal foi elixida recentemente como a mellor obra de nova planta en toda Galicia dos anos 2020-2021 na 'XX edición dos Premios COAG', promovidos polo Colexio de Arquitectos de Galicia. Esta mesma construción, aberta ao público en novembro, acadou o ano pasado o premio ibérico Technal 2022 presidido no Xurado por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021.

"Foi unha obra difícil de levar a cabo e que se demorou máis do previsto, pero o importante é que o resultado está aí e non pode ser mellor. Sentímonos moi orgullosos porque combina beleza e harmonía cunha total confortabilidade para o usuario", subliña o rexedor.

O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio, a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 metros cadrados clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética, máxima categoría. Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Na planta baixa, de 191 metros cadrados, disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira con 269 metros, cadrados hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda, 272 metros cadrados, zona de préstamo para adultos e na terceira, con 235 metros cadrados, zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. A cuberta está deseñada como unha terraza onde poder desenvolver actos.

O mobiliario elixido estivo supervisado polos seus arquitectos e destaca por ser de liñas puras e deseño atemporal, en tons neutros e fabricado en materiais de alta calidade que lle outorgan resistencia e durabilidade. "Cada moble foi elixido atendendo á singularidade do espazo e función que vai ocupar porque se quixo dar unha imaxe unitaria e homoxenea que respectase á singularidade do edificio", explican desde a adxudicataria Sutega, empresa galega responsable de proxectos similares como o amoblamento da Biblioteca Municipal Princesa Doña Leonor (Boadilla del Monte), a Biblioteca Municipal Los Corrales de Buelna (Cantabria) ou o Arquivo Histórico de Ourense e, xa na comarca, das novas oficinas da Zona Franca de Vigo.

Salir de la versión móvil