A sobreira do Monte da Peneda, en Redondela, nomeada árbore senlleira de Galicia

Publicidad

A Xunta de Galicia acaba de incorporar ao Catálogo galego de árbores senlleiras dous novos exemplares, concretamente, unha sobreira localizada no concello pontevedrés de Redondela e un castiñeiro situado no de Lugo. Así consta na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que se notifica a súa inclusión neste rexistro público, no que figuran todas aquelas árbores e formacións merecentes dunha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Publicidad

No caso das dúas últimas incorporacións, a sobreira do Monte da Peneda, en Redondela en plena frontera con Soutomaior, é unha árbore de 20 metros de altura da familia das fagáceas, coa copa irregular, escura, característica da rexión mediterránea e, polo tanto, non moi abundante en Galicia, onde se pode atopar sobre todo nos vales de ríos como o Miño, o Sil, o Umia e o Ulla.

Publicidad

Trátase dun exemplar de fermosa arquitectura e grandes dimensións, cun tronco moi groso que comeza a ramificarse a pouca altura. As ramas séguense dividindo ata formar unha copa de grandes dimensións, redondeada e aberta. Os efectos da idade, a exposición aos ventos mariños cargados de salinidade e o chan moi compacto comezan a manifestarse en forma de sequidade foliar.

Para a inclusión desta sobreira no Catálogo, en todo caso, tivéronse en conta os seus importantes valores culturais. De feito, a sobreira atópase na fachada posterior da actual Ermida da Peneda, de estilo barroco e onde antes se asentaron, entre outros, un antigo castro e o Castelo de Castrizán, construído en 1477 polo Arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, coa principal función de vixiar a Pedro Madruga, que habitaba no veciño castelo de Soutomaior e non era partidario dos Reis Católicos.

Publicidad

Rebaixes, murallas, escaleiras e a planicie da cima onde hoxe se atopa a ermida son testemuñas da construción primitiva, o castelo destruído por Pedro Madruga. Á ermida chégase a través dun túnel de arco de medio punto e bóveda de canón que se encontra nunha muralla reformada no século XIX e que lembra outras entradas de castelos. Do castro orixinal pouco se conserva, pero si se atoparon na zona pezas de cerámica, obxectos de metal e moedas.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

 

Salir de la versión móvil