A UVigo reivindícase como punto de encontro en calquera etapa da vida

Publicidad

A idea do espazo universitario como punto de encontro en calquera etapa da vida, resumida no eslogan Sempre UVigo, centra a campaña de comunicación deste ano da Universidade de Vigo. “Nas pezas audiovisuais queremos reflectir, por unha banda, a importancia do sentimento de pertenza máis aló da época do grao e, por outra, que nos tres campus somos o fogar de toda a comunidade da Universidade de Vigo”, explica Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais en funcións. Dirixida fundamentalmente a mozas e mozos de entre 17 e 23 anos da comunidade autónoma de Galicia, cun reforzo especial nas zonas nas que se atopan os tres campus, a campaña desenvolverase entre os meses de xuño e xullo, co obxectivo de posicionar a Universidade de Vigo como primeira opción do estudantado universitario para realizar os seus estudos.

“Persoas de diferentes idades cursan a nosa oferta formativa e iso plásmase nos planos dos vídeos, interpretados novamente por estudantes de diferentes centros propios. A invitación a esa aprendizaxe continúa, así como a sensación de cordialidade nese camiño, entroncan coa liña argumental dos anos precedentes nos que falabamos de ‘medrar contigo’ ou de ‘vivir UVigo”, detalla Valderrama, que tamén destaca que con esta nova campaña de comunicación se pretende “levar a institución alá onde vaiamos e de volver cando queiramos para continuar ese crecemento persoal e buscar actividades novas de actualización de contidos que nos enchan”.

 

Salir de la versión móvil