O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño estivo presente por terceiro ano consecutivo en Fitur para seguir dando a coñecer os seus 14 concellos e todos os aspectos que os definen e os unen. Este ano a campaña do Xeodestino cede o protagonismo ás "Mulleres do Camiño Portugués", unha proposta que conta coa narración coral de cinco mulleres vinculadas profesionalmente ao mundo do turismo que contan, en primeira persoa, a importancia que ten para os municipios o Camiño de Santiago.
Esta nova campaña conta cun vídeo promocional no que todas as protagonistas, que coñecen e tratan con peregrinos e peregrinas no seu quefacer diario, contan a súa experiencia persoal e as vantaxes do territorio. Mar Rodríguez, de Teetravel; Lucía Fragata, de Turismo de Baiona; Noelia Martínez, de Casa do Marqués; Patricia Muñoz, de Amodo Turismo; e Rosalía Verde, de Turismo A Guarda, son as mulleres que lle dan voz a un atractivo que cada ano trae a miles de turistas ao xeodestino.
Con esta proposta en Fitur volveuse a coñecer parte da bagaxe e dos produtos turísticos baseados nos recursos, identidade e tradición do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, composto por 14 concellos: A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui.
Na presentación participaron, ademais das protagonistas, Silvana, que xestiona un albergue privado para peregrinos e peregrinas en Tui, e Vanesa, que traballa nun da rede pública de albergues do Camiño Portugués no concello de Mos. Todas elas destacaron "a importancia do Xeodestino para aquelas persoas que chegan a peregrinar: o patrimonio cultural, a riqueza natural e patrimonial e o servizos en todos os eidos, a gastronomía, e o trato coa xente".
"O desenvolvemento sostible do turismo ligado ao Camiño Portugués ten unha importancia social, cultural e económica innegable no noso territorio. E elas son todas mulleres traballadoras que axudan a transformar e mellorar o noso atractivo turístico, por iso non podemos máis que darlles as grazas", recordou durante a presentación no stand de Galicia en FITUR a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
A rexedora salientou no acto que "tecendo estratexias conxuntas somos mellores, máis eficientes e xeramos sinerxías que son imprescindibles para recoñecernos como un territorio común. Un territorio que tedes que coñecer. Non vos arrepentiredes". O acto tamén contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do rexedor de Gondomar, Paco Ferreira, e de concelleiros dos municipios de Pazos de Borbén e Nigrán.