“As nosas Conquistadoras” nace como continuación da xa coñecida exposición “Conquistadoras” do Concello de Redondela. A alcaldesa Digna Rivas, explica que “este goberno comprométese coa loita pola igualdade durante todo o ano, por iso a intención desta actividade é alongar a programación do 8M, para que non quede nun só día. Os meses de marzo e abril están dedicados ás nosas Conquistadoras, homenaxeando a unha muller de cada parroquia escollida pola asociación de veciños e veciñas correspondente”.
Ademais do acto organizado coas asociacións de veciños, entrégase un ramo de flores e un retrato orixinal feito en directo pola artista Alba Fernández Troitero e que quedará exposto no Centro Cultural de cada parroquia. “Desta forma as mulleres quedan representadas para sempre na Casa da Cultura correspondete como homenaxe e recordo do seu traballo e a súa historia de vida, moi importante para os veciños e veciñas de cada zona”, engadía Rivas.
A primeira homenaxe no marco deste programa foi o domingo 19 de marzo en San Esteban de Negros a Mercedes Portela Rodríguez, escollida pola Asociación de veciños de San Esteban polo seu traballo como carteira en correos durante moitos anos. Esta fin de semana, o día 15 de abril celebrouse o acto das nosas Conquistadoras na parroquia de Ventosela onde homenaxeuse a Celsa Míguez Bouzón (100 anos), escollida pola súa parroquia por ser a muller de maior idade. O domingo 16 de abril foi a quenda de Saxamonde coa Conquistadora Sofía Vilaboa Otero (96 anos), tamén escollida pola súa parroquia por ser a de mallor idade.
A intención deste acto é, polo tanto, recoñecer o valor das mulleres redondelás cun homenaxe na súa propia parroquia. Achegando a loita pola igualdade a todos os lugares sociais e de promoción cultural do municipio. “As Nosas Conquistadoras segue a liña da exposición Conquistadoras. Quérese deixar constancia da historia de vida e o esforzo de moitas mulleres de Redondela que, dende o seus ámbitos de vida persoais e profesionais, foron quen de 'conquistar' o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles”, conclúe Digna Rivas