Fai mais dunha década Gadis sorprendía e triunfaba cun lema publicitario que animaba a “vivir como galegos”. Aquela campaña, que se volveu viral cando aínda non coñecíamos o que significaba ser viral, apostaba polo orgullo propio e por poñer en valor o auténtico espírito galego. O noso “optimismo por natureza” ou “as comidas nas casas dos pais sempre que podemos”. Dende entón a cadea galega de supermercados continuou apostando promocionar ese “estilo de vida galego”. Pero que pasa cando a pandemia o pon en perigo? Cando desapareceron máis de 17.300 festas ou os domingos de aldea coa familia? O coronavirus borrou nun ano parte do noso ser, pero Gadis responde: “Non vas poder con nós”.
O novo anuncio está rodado parcialmente en Vigo e conta con imaxes da Ponte de Rande, da rúa do Príncipe ou das Avenidas. De feito a imaxe da ponte sobre a ría de Vigo e unha das primeiras en aparecer nun anuncio que acumula xa miles de reproducións e anticipa a súa capacidade para levarnos á emoción colectiva.
Comeza con son de gaitas e un home nun cantil galego despedíndose dun ser querido que perdeu a vida polo coronavirus. Un drama que viviron xa máis de 900 familias galegas. Esa dura imaxe pronto da paso a un ton máis rebelde que acaba finalizando nunha resposta á pandemia: “QCHDN”, é dicir, “que che dean”.
Dende o inicio, o vídeo vai percorrendo diferentes cidades e vilas galegas namentres escoitamos aos protagonistas falarlle ao virus: “Fixeches que seres queridos nos deixasen, que por primeira vez sentísemos morriña sen saír da casa, roubaches as apertas e fixeches que os nenos visen como os seus país tiñan medo”.
“Roubaches os recreos, as festas, as verbenas”... continúan para adoptar, a continuación, un ton máis positivo: “por moito que o intentes este nunca será o teu ano, será o ano dos que naceron, dos que se namoraron, dos que casaron, dos que mercaron a súa casa ou estrearon o seu primeiro coche”.
A partir dese momento o optimismo faise cada vez máis forte incluíndo tamén parte da retranca galega asegurando que “poremos a máscara e luciremos ollos, que en Galicia hai ollos bonitos de carallo” ou afirmando que “claro que manteremos a distancia social, sempre fomos un pouco toxos”. Tampouco falta unha ollada ao Xacobeo 2021: “Non poderás evitar que o ano que ven xente de todo o mundo camiñe cara a Galicia”, escóitase no vídeo.
Con esta campaña Gadis fai xirar o seu lema de “vivamos como galegos” a un escenario de esperanza xusto cando a pandemia está a bater con especial virulencia en Galicia. “Non vas poder con nós” é o berro de guerra co que a cadea galega quere amosar un chisco de esperanza ante un dos momentos máis complexos. O período prenatalicio xa conta co seu primeiro anuncio emotivo, un spot feito en Galicia que lanza unha mensaxe para todo o mundo: Covid, “que che dean”. Iso si, unha mensaxe sempre con máscara e distancia social. Polo menos polo de agora.