Con motivo da conmemoración este venres 25 do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Facultade de Belas Artes impulsa nesta semana un “reto” en redes sociais dirixido a “crear un novo mapa das violencias”. Con ese obxectivo, convidan a escribir nun post-it situacións violentas ou machistas, para logo construír “unha instalación performática entre todas”, pegando estas notas adhesivas tanto na propia facultade como na rúa e subindo fotografías destas á rede social Instagram coa etiqueta @facultadedebelasartes.
Como explica a secretaria académica da facultade, Chelo Matesanz, trátase dunha iniciativa proposta pola responsable das redes sociais da facultade, a xestora cultural Sara Donoso, que ten como obxectivo “facernos pensar en frases que están incrustadas na nosa forma de comunicarnos, que usamos sen darnos conta e que moitas veces teñen connotacións e significados implícitos de violencia”. Nese senso, este reto en redes sociais busca reunir tanto “denuncias de situacións” machistas ou violentas, como “exemplos de respecto e bo trato”, como explica o texto de presentación. “Pensar a frase é pensar en todos os seus significados”, engade nese senso Matesanz. Desde a facultade propoñen as persoas participantes que coloquen estas frases tanto nas “aulas e corredores da facultade”, como na rúa ou nas súas propias casas, para así crear “un novo mapa das violencias” a través das redes sociais.