Búscanse voluntarias e voluntarios para participar en Moaña na gran festa da cultura marítima

Publicidad

Moaña acolle en menos de dos meses o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) que terá lugar entre o 5 e o 8 de agosto. A organización fai un chamamento á cidadanía para que participe no maior evento marítimo fluvial deste verán e “nos axude nesta gran festa da cultura marítima”. Poden ser voluntarias as persoas maiores de idade ou os mozos e mozas de máis de 16 anos, sempre e cando teñan autorización familiar ou dos titores legais.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia diferencia sete áreas nas que as interesadas e interesados poden participar. Trátase dun apoio loxístico na organización de eventos, actuacións, exposicións e obradoiros; no control de accesos e aforos; na supervisión e control de medios audiovisuais e novas tecnoloxías; no apoio ás tripulacións no mar -é recomendábel ter o título de PER e experiencia-; apoio na loxística do comedor, limpeza e desinfección e manutención das persoas participantes; dinamización do espazo familiar; e atención e información ao público -precisan alguén que fale inglés-.

O voluntariado, que poderá escoller esta quenda de mañá ou de tarde, recibirá formación e estarán cubertas por un seguro de accidentes e responsabilidade civil concertado por Culturmar, unha das entidades organizadoras xunto co Concello de Moaña e a Asociación Recreativa Cultural Sueste. Ademais, faráselle entrega dunha camisola do evento, da acreditación e de material de continxencia fronte á COVID19, se fose necesario. Tamén recibirán manutención na súa quenda de traballo, ademais de certificación da súa participación.

As persoas interesadas deberán cumprimentar, antes do 25 de xullo, o formulario que está accesible a través da páxina web do evento (premer aquí). A organización resalta o papel da rede de voluntariado como un dos piares fundamentais para a coordinación dun evento desta magnitude.

Salir de la versión móvil