Catro de cada dez peregrinos que pasaron por Tui en xuño eran internacionais

Publicidad

Durante o mes de xuño en Tui, máis de 2.800 persoas solicitaron información na Oficina Municipal de Turismo, situada no Paseo da Corredoira.  Das 2.873 persoas que se achegaron até o punto de información, 1.176 eran peregrinos e 1.697 turistas.

Estes datos podemos dividilos para poder apreciar que o turismo foi maioritariamente nacional, xa que dos 1.697 turistas que pasaron pola cidade miñota, 1.503 eran nacionais e 194 estranxeiros. As cidades das que procedían os visitantes eran Madrid, con 281 persoas, seguido de Barcelona, con 281, e Pontevedra, con 94. Mentres que no ámbito internacional destacan Arxentina con 24 visitantes, Portugal e Alemaña, con 21 persoas, Reino Unido, con 19, e EEUU, con 18.

Por outro lado, tendo en conta o Camiño portugués que pasa pola cidade de Tui, en xuño pasaron pola Oficina Municipal de Turismo 1.176 peregrinos dos que 728 eran nacionais e 448 internacionais. No referente aos peregrinos nacionais, Madrid con 103 persoas lidera a lista, seguida de Valencia, con 84, Sevilla, con 81, e León, con 72. A nivel internacional destacan Alemaña, con 91 persoas, Portugal, con 71, EEUU, con 42, e Italia, con 39, como os principais países de orixe dos peregrinos e peregrinas internacionais que pasaron polo municipio fronteirizo.

Segundo os datos que ofrece a Oficina do Peregrinos, no mes de xuño 11.820 realizaron o Camiño Portugués. Deste total, 3.571 partiron de Tui, que se mantén como cuarto punto de saída de peregrinos cara a Santiago tras Sarria, Saint-Jean-Pied-de-Port e Porto.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, valorou este luns positivamente os datos do mes de xuño, que consolidan a boa evolución que o turismo está a rexistrar na cidade. O rexedor tudense destacou as “boas perspectivas” de visitantes tanto para o mes de xullo como para o de agosto.

Salir de la versión móvil