"Deseucaliptización", palabra do ano 2018

Publicidad

O dicionario da lingua galega ten xa raíña para o 2018 que finaliza, aínda que non a podas atopar entre as súas páxinas. "Deseucaliptización" resultou elixida por ampla maioría -3.114 dos 5.724 votos emitidos- como a Palabra do Ano 2018 no concurso organizado polo Portal das Palabras, iniciativa da RAG e Fundación Barrié.

Dende a organización destacan que este neoloxismo "reflicte un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego". A súa escolla explícase ante o "rexeitamento social" que provoca a plantación indiscriminada de eucaliptos, aseguran dende a RAG.

Este mesmo ano, a Alianza por un Rural Galego Vivo e Cousa de Raíces presentaron unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento de Galicia en "defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización” coa que propoñían prohibir a plantación do eucalipto nitens co apoio de máis de 40.000 sinaturas. A ILP foi rexeitada cos votos contrarios do PP (37), a abstención do PSOE (14) e o voto favorábel de En Marea e BNG (20).

A sociedade parece ir por diante das institucións non soamente nas votacións parlamentarias senón tamén no campo académico xa que a Real Academia Galega non recolle o termo. "Aínda que non figuran non Dicionario da Real Academia Galega, axústanse ás regras de formación de palabras propias do noso idioma", explican dende a institución galega xa que "a partir do substantivo eucalipto e mediante a sufixación, xurdiu o verbo “eucaliptizar”. Engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo “deseucaliptizar”, e de aí deseucaliptización, que sería o substantivo que indica acción".

"Deseucaliptización" impúxose aos outros cinco finalistas, todos eles "cunha importante carga informativa relacionada con acontecementos que marcaron a actualidade dos últimos doce meses". A segunda palabra máis popular foi, de feito, con 1.032 votos, feminismo, nun ano cheo de reivindicacións en todo o mundo da fin da desigualdade por motivos de xénero. Este ambiente tamén se reflectiu na presenza na final de sororidade, que acadou 641 votos, e apoderamento, con 316. Entre estes dous termos colocouse fariña, con máis de medio milleiro de votos nunha listaxe que pechou fascismo.

De corrupción a afouteza

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Desde 2014 convida a todas as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

 

Salir de la versión móvil