No mes de abril, a Universidade de Vigo convertíase na primeira de España en poñer en marcha un distintivo co que recoñecer as escolas e facultades máis igualitarias. Agora, a Facultade de Filoloxía e Tradución convértese na primeira do Estado en lucir este selo, ao ser o centro mellor valorado dos once presentados á primeira convocatoria do Distintivo de Igualdade da UVigo. Este martes, a súa vicedecana de Calidade, María Seijas, foi a encargada de recibir de mans do reitor, Manuel Reigosa, este selo que distingue á FFF como un exemplo de esforzo e traballo a prol da igualdade.
No acto, que estivo amenizado pola poeta e exalumna de Filoloxía e Tradución Nuria Vil, o reitor deu as grazas a todos os centros que participaron nunha iniciativa que considera “unha chispa de luz en medio da escuridade que estamos a vivir”. E é que como salientaba Reigosa, “falamos de igualdade e de respecto pero non vexo que nos esteamos achegando demasiado a este obxectivo” polo que “iniciativas como as da FFT, traballando paseniño pero arreo” son claves para seguir loitando por unha sociedade “máis xusta e igualitaria”. O reitor trasladou tamén as felicitacións ao resto dos centros participantes e á directora da Unidade de Igualdade por unha “moi boa iniciativa” que contribúe a seguir loitando por “ser de verdade unha universidade igualitaria”.
A vicedecana da FFT, no seu nome e no da comisión que traballou na elaboración da candidatura, quixo expresar “canta é a nosa ledicia e orgullo” por recibir esta distinción que é froito “do traballo constante e esforzo diario que se vén desenvolvendo nos últimos anos”. Seijas puxo como exemplo, entre outras iniciativa, as guías docentes que tratan da igualdade de xénero, as liñas e proxectos de investigación, contribucións a congresos, seminarios, xornadas, informes e publicacións con perspectiva de xénero, o traballo das persoas expertas neste eido ou uso de linguaxe inclusiva. Ademais, quixo por o foco na coincidencia deste acto coa celebración do Día Mundial da Docente e do Docente, xa que “un dos nosos fins é formar docentes responsables coa igualdade, unha igualdade pola que seguiremos loitando sen acougo para continuar sendo un centro de referencia na Universidade de Vigo e na universidade galega”.
Unha proposta pioneira no sistema universitario español
Na súa intervención, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, lembrou que a finalidade desta proposta pioneira no sistema universitario español é “visibilizar e recoñecer pública e institucionalmente o esforzo de moitas persoas que día a día, na Universidade de Vigo, loitan por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento científico incorporando a mirada de xénero e feminista”. Trasladou os parabéns a Filoloxía e Tradución por un “recoñecemento a toda a tradición e traxectoria histórica dunha facultade que sempre foi pioneira na promoción das políticas de igualdade, na formación e na investigación con perspectiva de xénero, etc.”. Ademais, Gómez fixo un balance “moi positivo” desta primeira edición, “porque as once candidaturas presentaron moitas actividades e amosaron moito compromiso coa igualdade” e agarda que estas propostas sirvan “como estímulo para seguir traballando nesta senda”.
Tamén tomou parte no acto, en modalidade virtual, Mª José Rodríguez Jaume, membro da Comisión Avaliadora, que forma parte do Instituto Universitario de Investigación de Estudios de Género (IUIEG). A experta fixo fincapé na calidade das candidaturas presentadas e puxo en valor a importancia desta iniciativa “única e singular”. Considera que traballar pola igualdade dende a contorna universitaria “é un desafío ineludible dado que, a pesar do enorme traballo desenvolvido nos últimos anos, nas universidades aínda atopamos estruturas desiguais e unha cultura de traballo que limita as opcións de promoción das mulleres na academia e reduce a calidade das respostas científicas que ofrecemos aos retos sociais actuais”. Neste contexto, valora moi positivamente as 11 propostas presentadas, que “deixan ao descuberto o enorme traballo coral” realizado tanto polos equipos de dirección como polo profesorado, o PAS e mesmo o alumnado. Son, en resumo, “políticas de igualdade innovadoras, creativas, rigorosas e desafiantes ao status quo”.
Guía de Boas Prácticas
O éxito de participación na primeira convocatoria fixo que dende a Unidade de Igualdade se quixese aproveitar todo o coñecemento e experiencia xerado polos 11 centros candidatos a través dunha Guía de Boas Prácticas, un manual que recolle algunhas accións postas en marcha polas escolas e facultades que supoñen unha "inspiración para toda a comunidade universitaria, para que todos rememos xuntos e xunta para conseguir unha constelación, unha vía láctea de diferentes distintivos na nosa Universidade". Entre as accións que se recollen esta guía está, por exemplo, a incorporación da perspectiva de xénero no sistema de planificación de recursos do PDI; a introdución dos estudos de xénero e da perspectiva de xénero nas liñas de investigación e transferencia; a realización de procesos de selección do persoal investigador con perspectiva de xénero con medidas como a corrección das penalizacións por embarazo e por maternidade; a captación de estudantado con perspectiva de xénero ou a elección da autoría feminina como primeira sinatura nos artigos. Outras accións destacadas son a selección paritaria de conferenciantes en congresos e en seminarios, a proposición de mulleres honoris causa ou a selección horaria de docencia para apoiar o PDI con necesidades de conciliación.
Nova convocatoria máis ampla
Tras esta edición piloto, a Unidade de Igualdade lanzou o pasado mes a segunda convocatoria do Distintivo de Igualdade con cambios substanciais respecto da primeira. O obxectivo é abrir as bases a máis escolas, facultades e centros de investigación, polo que o selo non o recibirá un só centro, senón todos aqueles que acaden unha puntuación igual ou maior de 80 puntos. Ademais, esta nova convocatoria “matiza certas variables que na convocatoria piloto penalizaban as titulacións STEM”, explica Gómez. Outra das novidades será que o comité avaliador estará formado por representantes de cada un dos eidos do coñecemento. O distintivo consiste nunha insignia e nunha achega económica de 3000€ para desenvolver políticas de promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. O prazo de presentación de candidaturas para esta segunda convocatoria rematará o 15 de decembro.