Un pulo para o comercio galego e a artesanía. A Xunta de Galicia dedica un total de seis millóns de euros para impulsar a transformación dixital e a modernización destes dous sectores. O orzamento destas axudas aumenta un 20% con respecto ao ano pasado e poderán beneficiarse pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns.
O Executivo autonómico ten como obxectivo con esta orde de axudas apoiar ao sector comercial e artesán para que poida aproveitarse de todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual para conectar co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada aos novos tipos de consumidores. A finalidade da Xunta é que a mobilización público-privada chegue aos nove millóns de euros.
Este programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, inclúe dúas liñas de actuación. A primeira delas fai fincapé na dixitalización e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. Entre as actuacións que poden subvencionarse están a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de márketing dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outras cuestións. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros.
Por outra banda, os beneficiarios destas axudas a través da liña de modernización poderán obter apoios de ata 5.600 euros para a adquisición de equipamentos propios de actividade comercial e artesanal. O prazo de presentación para presentar as solicitudes está dispoñible dende o 24 de maio ata ao 23 de xuño, tras a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 23 de maio.
Ademais, tamén poderán solicitarse as axudas para un segundo programado, enfocado no fomento da comercialización da Artesanía de Galicia. Dotado con 285.000 euros, esta convocatoria inclúe apoios de ata 8.000 euros para os obradoiros artesanais que participen en feiras nacionais ou internacionais. Ademais, os concellos e as asociacións profesionais e empresariais artesanais que organicen feiras no ámbito de Galicia poderán conseguir axudas de ata 15.000 euros e 18.000 euros, respectivamente.