Máis de mil persoas participan na celebración de Lectura na Rúa

Publicidad

O tempo mantívose en calma e permitiu xuntarse na Alameda de Castelao aos 18 centros educativos e dous dos centros de día de Redondela para celebrar e divulgar a importancia da lectura. Lectura na Rúa III está organizado polo Concello de Redondela, o CEP Plurilingüe Santa Mariña, a ANPA Ernestina Otero e a Biblioteca Municipal de Redondela. “Despois do parón obrigado da pandemia poden volver a facerse eventos desta magnitude. A alameda de Castelao estaba ateigada con case mil participantes para promover a lectura entre os máis pequenos e pequenas e, por suposto, a lectura en galego que é de gran importancia para o noso concello”, explica Digna Rivas.

Na lista de participantes atopábase o EEI A Marisma, EEI De San Pedro de Cesantes, EEI Ventosela, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP Plurilingüe de Cedeira, CEIP Plurilingüe Igrexa Chapela, CEIP de Laredo, CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas, CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro, CEIP Plurilingüe Quintela, CEIP Plurilingüe de Reboreda, CPR Plurilingüe Vigo, CEP Plurilingüe Santa Mariña, IES de Chapela, IES Illa de San Simón e IES Mendiño, ademais do Centro De Dia Para Persoas Maiores Arela e o Centro de Día Os Cortizos. En palabras da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas: “para este goberno é moi importante traballar de preto cos centros educativos e incluír aos centros de día nas actividades para nutrir ao municipio da mestura de idades e darlles a oportunidade a todos e todas de socializar e pasar tempo de lecer de calidade”.

O evento comezou ás 10:30 coa presentación e pregón a cargo da escritora chapelana Andrea Costas. De seguido procedeuse a 10 minutos de lectura silenciosa e 20 de lectura compartida. Ás 11:10 horas fixeron o intercambio de marcapáxinas que traballaron durante a semana os máis cativos e cativas nas aulas e cos que fixeron troque de forma libre. A partir das 11:45h comenzaron as actuacións musicais da man de Gramola Gominola e Pablo Ríos DJ quenes remataron o encontro.

A rexedora local non se esqueceu de dar as gracias a o CEP Plurilingüe Santa Mariña, a ANPA Ernestina Otero e a Biblioteca Municipal de Redondela “polo seu traballo para facer posible o evento e conseguir encher de ledicia a alameda, algo moi esperado por tódolos cativos e cativas despois das restricións da pandemia”.

Lectura na Rúa

Lectura na Rúa xurde en maio de 2017 a partir dunha iniciativa do CEP Santa Mariña para celebrar o Día do Libro e compartir a lectura coa nosa comunidade educativa e coa vila de Redondela. Esta edición contou coa participación de todos os centros educativos do concello de Redondela e de varios centros de maiores para desfrutar dunha gran festa da lectura.

Deste xeito, a iniciativa pretende amosar ás nenas e aos nenos do noso concello que ler pode ser toda unha aventura e, por iso, a actividade desenvolveuse na Alameda Castelao de Redondela, un entorno diferente e agradable que serviu de marco perfecto para mergullarnos nese mundo de fantasía que nos ofrecen os libros.

Salir de la versión móvil