Non máis cacas na rúa. Pero tamén ollo co pis. O Concello da Guarda vén de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación sobre limpeza viaria que busca lembrar aos propietarios de animais sobre a necesidade de manter as rúas limpas, tanto de excrementos como de ouriños de animais.
Co obxectivo de “visibilizar o problema e intentar que a xente sexa responsable”, segundo explican dende o Concello, preténdese reforzar a necesidade de que os propietarios de animais paseen coas bolsiñas para as deposicións dos perros, pero tamén cunhas botellas con auga e vinagre para diluír as mexadas nas rúas e espazos públicos. Amais, o Concello indica que “se deberían priorizar zonas verdes e reixas de drenaxe para que os cans fagan as súas necesidades nestes espazos”.
Este mércores 9 de setembro a partires das 11:00 horas a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e a técnica de Medio Ambiente do Concello visitarán varias clínicas veterinarias e tendas de animais da localidade para informar sobre a iniciativa, repartindo folletos informativos a pé de rúa.
A campaña contará con dúas sesións informativas. Entre as accións que se van a levar a cabo destaca o reparto de botellas plegables, que se fará en dúas sesións presenciais nas que as persoas propietarias de cans recibirán de xeito gratuíto unha botella e información sobre esta campaña aportando a cartilla de vacinación ou o pasaporte para animais de compañía. O reparto do material terá lugar o martes 15 e xoves 17 de setembro ás 10:00 horas no Salón de Plenos na Casa do Alonso.