Moaña recupera o seu mural ás mulleres do mar tras os actos vandálicos deste mes

Publicidad

"Ten coidado co que dexexas, pode que un día se faga realidade". Así versaba o grafiti que o día 1 de xullo apareceu manchando o mural ás mulleres do mar de Moaña. A obra fora realizada en abril por máis de 30 alumnas de artes do bacharelato do IES María Soliño de Cangas, inspiradas polas pinturas de Luis Seoane. A pintada deixaba tamén barbas e bigotes sobre os rostros das mulleres que dende fai meses adornan o Palco da música da alameda, polo que algúns vincularon o acto vandálico coa aprobación da Lei Trans.

Dende o Concello de Moaña facíanse eco do acontecido no seu perfil de Facebook, asegurando que "en breve actuaremos para eliminar o máximo da mensaxe e coa maior celeridade ". Onte mesmo, dúas artistas, alumnas do centro, voltaron "pincel en man" para arranxar a obra e devolver a Moaña o que é unha homenaxe ao seu pasado mariñeiro e a todas as mulleres ás que no seu día non se lles valorou a súa labor pola vila.

O mural volve estar en perfectas condicións, coma o primeiro día, e o Concello asegura que reforzará a vixilancia deste espazo para que os acontecementos non se repitan. Dende a institución e dende a cidadanía nas redes sociais celebrouse a recuperación do mural: "Volve a súa cor orixinal, a súa alma sen manchas a acompañarnos. Medren as artistas do Morrazo!".

Grafiti sobre o mural ás mulleres do mar de Moaña e a súa posterior recuperación
Salir de la versión móvil