Moaña xa conta coa rúa dedicada á mestra e activista Elisa de la Peña

Publicidad

A mestra e activista social Elisa de la Peña, falecida en 2018, conta xa cunha rúa co seu nome en Moaña. A vila do Morrazo vén de inaugurar este sábado este novo viario situado entre a rúa Sisalde e a avenida de Rosalía de Castro, cofinanciada co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Ao emotivo acto, enmarcado nas celebracións do 8M e que estivo amenizado polo Coro Chorima da Asociación de Mulleres de Moaña, asistiron as deputadas provinciais Victoria Alonso e Raquel Giráldez, que acompañaron á alcaldesa Leticia Santos, a Manolo Méndez, marido de Elisa, e á familia da muller que foi mestra durante 40 anos e activista incansable na súa entrega a diferentes causas sociais

A apertura desta rúa enmárcase no desenvolvemento do polígono 11 do Plan de Urbanismo de Moaña, máis coñecido como o polígono de Sisalde, e que permitiu incorporar case 7.000 metros cadrados de solo ao núcleo urbano, como novo punto clave para o crecemento do concello. Esta nova rúa está destinada a acoller o novo Centro de Saúde, o futuro Auditorio e vivendas de protección pública para a súa ocupación en réxime de alugueiro.

A obra, cun custo total de 241.745 euros, foi cofinanciada polo Plan Concellos da Deputación, que sufragou 113.136,76 euros. O polígono queda urbanizado coa rúa central Elisa de la Peña, de case 150 metros de lonxitude e 12 de ancho, dotada de servizos de abastecemento de auga, rego, saneamento, pluviais, elementos de extinción de incendios, subministro eléctrico e de telecomunicacións, iluminación e gas natural.

Salir de la versión móvil