Grandes referentes no eido da intelixencia artificial achegaron, na terceira edición do workshop Sociedade Dixital e Xénero. Hackeando o Patriarcado, diversas propostas para crear unha fronte común ante os algoritmos machistas. O evento, celebrado de xeito presencial na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e tamén en modalidade virtual, enmárcase nas activades da Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Ao longo da xornada abordáronse diferentes aspectos relacionados coa intelixencia artificial, unha tecnoloxía cada vez máis presente na vida diaria, dende a ciberseguridade ata a robótica ou o procesamento da linguaxe. As persoas participantes reflexionaron sobre a necesidade de regular o deseño e adestramento dos algoritmos da IA para que sexan máis xustos e se adapten á realidade demográfica, sen nesgos de xénero.
Loitar contra a involución
No acto de apertura do workshop, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que interveu virtualmente, destacou a importancia deste tipo de seminarios para “hackear o patriarcado” e reafirmou a aposta institucional da Universidade de Vigo pola igualdade. Reigosa agradeceu o traballo da Unidade de Igualdade e o apoio da Deputación á Cátedra de Feminismos 4.0, que está centrada “neste novo machismo que xurde e campa ás súas anchas nas redes” e reclamou “unión na loita contra as involucións que propón a ultradereita e a dereita” e tamén contra todos aqueles que “sosteñen que a igualdade xa está acadada, cando en realidade estamos aínda moi lonxe, sobre no ámbito no que se centran estas xornadas”. A directora da EET, Rebeca Díaz, tamén agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e, no mesmo sentido que o reitor, incidiu en que o principal inimigo na loita pola igualdade é “pensar que xa estamos a pre”. Como anfitrioa do seminario, Díaz lembrou que no eido dos estudos STEM as mulleres representan unha porcentaxe pequena, polo que é importante que este tipo de iniciativas se desenvolven en centros nos que a presenza de mulleres é moito máis baixa, “algo que temos que tentar resolver entre todos e todas, visibilizando o papel da muller no noso eido de traballo e vencendo as desigualdades día a día”.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén felicitou á Unidade de Igualdade da Universidade “polo esforzo que están a realizar para falar de cousas que son imprescindibles no presente, pero que van determinar se imos poder camiñar cara á igualdade no futuro”. Silva destacou tamén o importante cadro de expertas que participan nesta xornada, que foi seleccionado precisamente polo Comité de sabias da Cátedra Feminismos 4.0, como indicabaÁgueda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo. Grazas a elas, recalcaba a presidenta da Deputación, este evento convértese nun “grande acontecemento de reflexión seria, rigorosa e científica”.
Na súa intervención, a presidenta da Deputación amosouse “moi preocupada” polos comportamentos machistas que se dan na contorna das novas tecnoloxías, a intelixencia artificial e a sociedade dixital e tamén polo baixo número de mozas que deciden estudar carreiras STEM. “Semellaba que o mundo dixital ía abrir portas para que tivésemos máis dereitos e oportunidades, pero os datos sinalan todo o contrario: en España só o 13% das programadoras son mulleres; segundo o Foro Económico Mundial as mulleres representan só o 22% de profesionais da intelixencia artificial en todo o mundo; os datos do estudo mundial Muller e Dixitalización amosan que menos do 25% das persoas que se dedican á investigación en IA son mulleres; só o 11% das persoas que escriben software son mulleres; en artigos de investigación a porcentaxe de autoras é so do 13,8%; só o 12% das persoas con capacidade de decisión no desenvolvemento da IA son mulleres; só o 20% do profesorado destes temas son mulleres; etc”. Atendendo a estes datos, Silva considera que “se ben as mulleres estaban nunha clara situación de desigualdade no mundo analóxico, a situación é moito peor na sociedade dixital”. Considera, polo tanto, que “o reto é moi complexo e temos que tomar moi en serio o que está a acontecer, porque as mulleres podemos desaparecer da toma de decisións e non nolo podemos permitir; somos a metade da poboación e non podemos perder esa metade do talento do mundo”.
Algoritmos adaptados á realidade demográfica
Todas as expertas participantes no workshop manifestaron a súa preocupación sobre como o deseño e adestramento de algoritmos empregados en tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial ou a aprendizaxe automática non reducen as fendas de xénero, senón todo o contrario. Nas súas intervencións reclamaron que o uso de algoritmos se adapte á realidade demográfica da sociedade, e que estea libre de nesgos sexistas, estereotipos de xénero e misoxinia.
A primeira relatora da xornada foi Karina Gibert, catedrática da Universitat Politécnica de Catalunya e directora do Intelligent Data Science and Artificisl Intelligence. Na súa intervención fixo un repaso pola historia da intelixencia artificial e destacou que os nesgos de xénero na IA están presentes tanto no deseño dos datos de adestramento, como na interpretación deses datos e no deseño dos algoritmos. “A IA actualmente pon o foco no dato”, explicaba, e a calidade do dato “vai ser crítica, a relevancia vai ser máis crítica e máis aínda será como ese dato representa á poboación sobre a que está aprendendo ou decidindo cousas”. Por isto, recalcaba que “se queremos empregar a IA para aprender comportamentos da sociedade e nos datos que emprega esta IA as mulleres non están ben representadas, o patrón non incluirá o comportamento das mulleres e, polo tanto, as decisións non as terán en conta”.
Entre as principais ideas que as expertas trasladaron ao longo da xornada está a necesidade de identificar, visibilizar e difundir as diversas accións e activistas en redes sociais neste eido, que presenten unha concepción “líquida” das tecnoloxías, orientada a salientar o seu carácter social, a súa utilidade na realización dos traballos de coidado, de preservación da saúde e do medio ambiente, seguindo as directrices da Axenda 2030. Outra das conclusións foi a necesidade de elaborar un documento que compile todos os recursos existentes neste ámbito, co obxecto de facilitar a súa comprensión e divulgación social.