O BNG esixe á Deputación de Pontevedra que non exclúa a música en galego no Galicia Fest

O Bloque Nacionalista Galego esixe á Deputación de Pontevedra que rectifique o cartel do Galicia Fest para garantir a presenza de música en galego e evitar un modelo "excluínte" que deixa fóra a creación musical na nosa lingua.

A deputada provincial do BNG, Manuela Rodríguez, reclama á vicepresidenta da Deputación, Luísa Sánchez, que se amplíe a programación de actuacións co obxectivo de ampliar o número de grupos locais e galegos como para garantir a presenza de música en galego.

Rodríguez criticou que apenas 6 das 15 actuacións anunciadas, nun evento que conta co apoio da Xunta de Galicia, son artistas ou grupos do noso país, e subliñou a ausencia clamorosa de música na nosa lingua.

De por parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que o festival "o máis galego que ten é o nome". "O máis grave é a ausencia practicamente total de música en galego", denunciou, cuestionando que unha iniciativa promovida por unha administración pública galega deixe fóra a produción cultural propia.

"A escena musical na nosa lingua é máis potente que nunca"

Igrexas cargou contra a vicepresidenta da Deputación, Luísa Sánchez, á que cualificou como “unha alumna avantaxada das políticas culturais galegófobas tanto da Xunta de Galicia como do propio Concello de Vigo, excluíndo de maneira inxustificábel a música en galego”.

Neste sentido, subliñou que esta decisión resulta especialmente "incomprensíbel" nun momento no que “a escena musical na nosa lingua é máis potente que nunca, con grupos e artistas de primeirísimo nivel”.

O portavoz do BNG na cidade olívica lembrou que a vicepresidenta provincial comprometera que o festival ía dar espazo á música viguesa e ter "acento galego", mais advertiu de que “o cartel confirmado demostra que nada diso vai haber”. “Está aínda a tempo de rectificar”, concluíu.

Con ese obxectivo a fronte nacionalista demanda á Deputación que o Galicia Fest "sexa un espazo para a nosa música en lugar de replicar o mesmo esquema excluínte que volve definir, un ano máis, o programa de concertos do Concello en Castrelos”.

Salir de la versión móvil