Tras aprazar o pasado ano a súa celebración pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia da covid-19, este luns finalmente botou a andar a Spanish Conference on Nanophotonics, un simposio estatal organizado polos grupos de investigación FunNanoBio e TeamNanoTech, ambos do Centro de Investigacións Biomédicas de Galicia, Cinbio, pertencente á Universidade de Vigo. O congreso estenderase ata este mércores 22 e nel danse cita todos os grupos que realizan investigación en nanofotónica en España, así como noutros lugares con interese na investigación que realizan os equipos nacionais. En total son arredor de 100 participantes, o que dende a organización consideran un éxito, xa que é unha cifra moi similar, “ou incluso un pouco superior”, á última edición que se celebrou presencialmente.
O simposio foi inaugurado na mañá deste luns polas investigadoras Isabel Pastoriza e Sara Núñez, organizadoras principais do evento, xunto con Lluis Marsal, da Conferencia Española de Nanofotónica (CEN). Como explican, a finalidade é “difundir os resultados da investigación acadados polos diferentes grupos españois e promover o establecemento ou reforzo de contactos entre eles, como medio para axudar á comunidade científica a ser máis visible e dinámica”. E é que como explican as investigadoras do Cinbio, a nanofotónica é unha das chamadas “tecnoloxía claves do futuro” que terá un papel fundamental en aspectos moi diversos, “dende mellorar a nosa calidade de vida, ata loitar contra o cambio climático a través de células solares cada vez máis eficientes”.
Ao longo das tres xornadas abarcarase unha ampla gama de temas relacionados coa nanofotónica, os metamateriais e a óptica de sublonxitude de onda. Dende a organización explican que actualmente, a nanofotónica é unha disciplina altamente interdisciplinaria que aborda o control, manipulación e explotación da luz a nanoescala, involucrando neste eido de estudo a expertos de áreas como a física, a enxeñaría, a química e a bioloxía. “Esta conferencia CEN2021 aspira a reflexar este enfoque multidisciplinario a través de sesións especiais dedicadas a campos emerxentes de investigación como a nanofotónica cuántica, a biomimética, as aplicacións da nanofotónica en medicina, as estruturas quirais e topolóxicas ou a recolección de enerxía, entre outros. Así, dende hoxe e ata o mércores 22 retrasmitiranse 69 ponencias, “dándolle a oportunidade a unha gran parte dos participantes a mostrar o seu traballo”. Ademais, as organizadoras recalcan que o simposio conta con “poñentes plenarios e invitados estranxeiros como as catedráticas Teri W. Odom da Universidade de Northwestern en Estados Unidos, Silvia Vignolini da Universidade de Cambrigde ou a doutora Irene Fernández-Cuesta, da Universidade de Hamburgo en Alemaña”.
A nanofotónica, presente na vida diaria
Na actualidade, a nanofotónica está presente, como apuntan Pastoriza e Núñez, en boa parte dos aparellos de uso diario. Como exemplo, destacan as pantallas de televisión planas, “que están compostas por emisores de luz pequerrechos de tamaño nanométrico, o noso móbil con detectores de luz para controlar o brillo na pantalla, ou nos nosos hospitais con ferramentas onde xa as cirurxías non se fan con bisturís, senón que os médicos cortan con láser”. Outro campo salientable é a iluminación. “Para nós, Vigo como cidade da luz no Nadal é un exemplo de como usar a nanofotónica. Ao fin e ao cabo, estas luces LEDs son pequenos dispositivos nanotecnolóxicos deseñados para ser de baixo consumo”.
Unha oportunidade para o Cinbio
Para o Cinbio este evento é unha oportunidade moi boa para darse a coñecer na comunidade española de nanofotónica. “Somos un centro de investigación multidisciplinar e gustaríanos que non só se nos recoñecese no ámbito da biomedicina, senón tamén en ámbitos tecnolóxicos como o das tecnoloxías fotónicas. Ao fin ao cabo, a medicina do futuro baséase na colaboración entre disciplinas onde médicos, biólogos, químicos, físicos e enxeñeiros traballen xuntos para desenvolver novas metodoloxías para a diagnose e terapias”, conclúen.