O Museo Meirande de Redondela acolleu, na mañá de hoxe, a presentación da súa nova páxina web nun acto presidido pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, ás que acompañaba a concelleira de Turismo, María Castro, representantes da Corporación Municipal e o alumnado do obradoiro de emprego 'Redondela TIC 2020', encargados da elaboración do novo portal da instalación museística.
A presentación da nova web –museomeirande.org– correu a cargo de cinco alumnos a alumnas do propio obradoiro que, de xeito sinxelo, directo e ilustrativo, desgranaron un por un todos os aspectos dun portal que está chamado a ser o escaparate do Meirande. De deseño moderno, rápido na carga de contidos e dinámico na súa presentación, a nova web foi elaborada no sistema responsive design ou deseño adaptado, que permite a súa perfecta visualización dende calquera dispositivo sexa este ordenador de sobremesa ou portátil, tablet ou smartphone.
O Concello de Redondela destaca que "nada falta neste novo portal de fácil utilización" xa que é totalmente intuitivo e con contidos fáciles de localizar, con menús claros que non deixan dúbidas sobre os seus contidos. Así o visitante pode consultar a historia do museo, facer un seguemento detallado da Batalla de Rande ou adentarse nos misterios do suposto tesouro de Rande.
Amais do Museo propiamente dito, a páxina permite coñecer os lugares de interese próximos e conta cunha elaboradísima sección multimedia da que as e os visitantes poden descargar folletos explicativos –en galego, castelán e inglés– gozar de dous extraordinarios audiovisuais: Rande 1702, arde el mar e Como se hizo Meirande e acceder a contidos de audio e unha completa galería fotográfica.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás alumnas e alumnos “por un traballo excepcional que permite que o Meirande poida contar cun escaparate de auténtico luxo e que poda levar a nosa historia e patrimonio a calquera recuncho do mundo”. “Meirande grazas ao voso traballo –concluíu a alcaldesa dirixíndose ao alumnado– conta cunha páxina web que, non só permite que as e os visitantes poidan atopar todos os contidos do seu inte-rese, senón que contribúe a espertar neles a curiosidade e as ganas de achegarse para coñecer este museo en primeira persoa”.
Tivo tamén a alcaldesa palabras de agradecemento para a concelleira de Turismo, María Castro, “que conseguiu, en tempo récord, poñer a este museo 'no mapa' dos museos máis importantes da costa atlántica e cantábrica conseguindo que o Meirande pase a formar parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos”.