A Biblioteca Municipal Neira Vilas gañou este mes de novembro o premio ao mellor vídeo no IX Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas pola peza "Reflexións". O alcalde Abel Caballero explicou en rolda de prensa que a cita ven de celebrarse en Logroño e que o vídeo galardoado foi obra de Fon Cortizo.
O congreso tivo este ano como temática "Bibliotecas públicas: profesionales para todos los públicos" e puxo o acento "na reflexión sobre as persoas que traballan e as que participan nas bibliotecas: a preparación necesaria dos bibliotecarios; os modelos e fórmulas para xestionar con eficacia e éxito os equipos das bibliotecas, e as súas formas de conectar da mellor maneira coa comunidade, e en particular con colectivos especiais e específicos".
Cada biblioteca podía participar cun único vídeo, que debía ser inédito e ter unha duración máxima de tres minutos, dentro das categorías de bibliotecas en poboacións de menos de 5.000 habitantes, bibliotecas en poboacións entre 5.000 e 100.000 habitantes e bibliotecas en poboacións de máis de 100.000 habitantes, categoría na que participou a Biblioteca Xosé Neira Vilas.
O premio foi outorgado pola votación dos asistentes ao congreso, tendo en conta como criterios a orixinalidade, a pertinencia e a dificultade técnica.