Os centros de ensino de Moaña súmanse un ano máis á iniciativa “21 días en galego”

O Fisgón al atardecer en Moaña

Publicidad

Fortalecer e garantir a supervivencia do galego. Ese é un dos principais obxectivos da iniciativa “21 días en galego” á que se suman, por terceiro ano, os centros de ensino do Concello de Moaña. A súa alcaldesa, Leticia Santos, destaca que o galego é a nosa principal sinal de identidade. “Trátase do máis importante legado recibido polas nosas devanceiras e devanceiros e representa a maneira que temos de ver o mundo”, sinala a rexedora no bando que presente a campaña que promove o uso da nosa lingua.

A campaña Moaña: 21 días en galego propón a todos os centros de ensino da vila morracense o desafío de expresárense as 24 horas en galego. O período será dende este luns 25 de xaneiro ata o 14 de febreiro, conscientes de que 21 días son os que precisamente para adquirir un hábito novo, neste caso, adquirir ou mellorar a competencia lingüística de falar en galego.

Nos anteriores días, cada centro de ensino envioulles ás familias unha carta informativa sobre a campaña buscando a súa implicación. Nela descríbense as vantaxes que supón para o alumnado empregar con fluidez a nosa lingua propia, tanto para a súa formación como para o seu desenvolvemento persoal, recordando tamén os beneficios que supón o vínculo coa lingua portuguesa e a importancia de preservar a nosa cultura e a nosa identidade.

O desenvolvemento da campaña é diferente seguindo a idade do alumnado. Nas idades máis temperás -alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria) non se busca o compromiso explícito do alumnado no uso da lingua. Os centros de ensino desenvolverán actividades para todo o grupo como empezar cada día cunha palabra en galego seguindo a orde do abecedario ou aprender cada día unha canción. Todo o alumnado destes niveis levará unha viseira co logo da campaña proporcionada polo Concello de Moaña.

Para o alumnado maior -desde 3º de Primaria ata Bacharelato- a campaña só se desenvolve con aquelas persoas que voluntariamente adquiren o compromiso de manterse en galego as 24 horas do día durante os 21 días. Estas persoas levarán unha insignia identificativa e participarán na gravación de vídeos colectivos promovidos polo profesorado, que se farán públicos a través de caranvexo.gal, a TV escolar de Moaña. Quen acade o reto de manter a lingua 21 días levará como premio unha camiseta con deseño de orixe que inaugurará a nova colección SonDeModa promovida pola marca moañesa Afouta e o grupo NAO Galiza, na que se conxuga a moda e a música galega nun mesmo elemento. O deseño non se desvelará ata os últimos días da campaña.

Por outra banda, durante estes 21 días, o Concello de Moaña programa actividades que se desenvolverán nos sete colexios públicos moañeses. Para o alumnado de 5º de Primaria haberá obradoiros de poesía improvisada da man de dous coñecidos regueifeiros, Luís o Caruncho e Pinto de Herbón. A actividade rematará cun certame virtual moañés de poesía improvisada no que competirán vídeos de todos os colexios na TV Caranvexo. Os de 6º de Primaria contarán co obradoiro “O mundo de Inho” no que o monitorado da AGAL (Associaçom Galega da Língua) amosará ao alumnado as diferentes chaves culturais do mundo lusófono, ensinándolles a ler textos escritos en portugués a través do coñecemento do galego.

O Concello de Moaña pide tamén a colaboración do pequeno comercio, a hostalería ou a banca para que se sumen á campaña e empreguen durante os 21 días o galego coa súa clientela para apoiar e animar a que o alumnado supere o reto e mellore a súa competencia na lingua propia.

Salir de la versión móvil