A Concellería de Patrominio do Concello de Redondela ven de repoñer a sinalización dos xacementos prehistóricos de Monte Penide/Mirallo. A Concellería, xestionada por María Castro, xa deu por rematados os traballos de reposición da cartelería e sinalización dun dos seus grandes ben patrimoniais e culturais.
O proxecto permitiu a renovación da sinalización que se atopaba en moi mal estado debido ao oito anos que levaba exposta a intemperie e ás accións da luz solar, nuns casos, e as actuacións incívicas noutros. Ademáis, a estes danos engádese a desaparición de todos os postes de dirección colocados nos camiños. Coa nova sinalización as e os visitantes poderán non só acceder a estes importantes elementos patrimoniais dun xeito máis doado, senón obter información completa sobre cada un dos elementos a través dos códigos QR de cada un dos carteis indicadores.
As actuacións, tal e como sinala María Castro, "permitirán a reposición dos vinilos en mal estado que permitan poñer en valor este ben cultural e a colocación dos postes indicadores desaparecidos, que axuden ás e aos visitantes, a localizar estes emprazamentos do xeito máis doado".
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou que os terreos coñecidos como Monte Penide "teñen unha extraordinaria riqueza arqueolóxica que é preciso conservar e poñer en valor". De feito, na zona atópase a necrópole megalítica "Chan da Cruz/Chan das Formigas", a máis grande de Galicia en canto a número de "mámoas" e a segunda logo da de Castro Leboreiro (entre Ourense e Portugal). Amais, nese mesmo enclave está situado o conxunto de arte rupestre "Petroglifos de Monte Penide" e o Castro dos Negros.