O Concello traballa xa na preparación dos campamentos de verán para os nenos e nenas de Ponteareas, o Campus-Tea e o Verán Rural, dúas iniciativas que buscan “ofrecer unha alternativa de lecer e aprendizaxe á rapazada durante as vacacións estivais con actividades lúdicas, deportivas, educativas e culturais ao tempo que se facilita a conciliación familiar e laboral”, como destaca a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández.
Este xoves 4 de maio o Concello abre o prazo de preinscrición nas dúas liñas de campamentos de verán, que fomentan a atención á infancia e xuventude, a xestión social do patrimonio e medio ambiente e a dinamización cultural. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 19 de maio e terán á súa disposición as bases e os impresos de preinscrición na web municipal, na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro Xeral do Concello ou na Oficina de Ensino de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas.
En total serán 420 prazas en diferentes espazos do núcleo urbano de Ponteareas e das parroquias para rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos en horario de 09:00 a 14:00 horas, con posibilidade de solicitar aula matinal de 07:30 a 09:00 horas no caso do Campus Tea. A listaxe provisional de nenos e nenas admitidas darase a coñecer o 26 de maio. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e admitidas o 7 de xuño, o prazo de inscrición, achega de documentación e abono da cota será do 8 ao 21 de xuño.
O Campus-Tea desenvolverase nas instalacións do CEIP Nosa Señora dos Remedios en catro quendas de 15 días que irán do 1 de xullo ao 31 de agosto. En xullo habilitaranse 100 prazas por quenda, mentres que en agosto estará limitada a 60 persoas. O prezo será de 48 euros por participante e deberá haber un grupo mínimo de 12 nenos ou nenas para poder poñer en marcha a aula matinal.
Pola súa banda, o Verán Rural rotará por diferentes parroquias de Ponteareas: do 1 ao 15 de xullo estará no Centro Cultural de Bugarín, do 16 ao 31 de xullo no Centro Cultural de Prado, do 1 ao 15 de agosto na Casa Cultural de Angoares e do 16 ao 31 de agosto na Casa Cultural de Guláns. Estes campamentos terán un prezo dun máximo de 47 euros por participante.
Cristina Fernández anima a todas as familias a inscribir aos nenos e nenas nestes campus “deseñados cunha programación repleta de actividades creativas, culturais e de coñecemento da contorna próxima dende unha pedagoxía baseada na educación en igualdade e en hábitos saudábeis. Sen dúbida, é unha oportunidade única para que rapaces e rapazas poidan aprender, crecer e gozar nun ambiente agradábel e divertido”.