"Posto", o avó do CAAN, atopa un novo fogar en Cardiff

Publicidad

Unha das saídas máis agardadas no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) é por fin unha realidade. “Posto”, o can que máis tempo levaba nas instalacións da Deputación na Armenteira, desfruta xa dun novo fogar tras ser adoptado por unha familia de Cardiff (Gales). Este Sttafordshire Terrier fora recollido en Redondela en xullo do ano 2018 cando era un cachorro e foron múltiples os chamamentos para a súa adopción por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, despois de que no pasado 2021 puideran abandonar o centro os cans e cadelas de maior idade.

A adopción do can foi posible grazas á mediación dunha rede de persoas voluntarias que xa teñen colaborado co CAAN noutras ocasións e que manteñen contacto cunha das fundadoras, galega e afincada en Reino Unido, da asociación británica Five Circles Dog Rescue. Grazas a ela atopouse fogar para “Posto”, cuxa saída do centro tiña a priori máis dificultades xa que en España a súa raza está catalogada como potencialmente perigosa. Non ocorre o mesmo nas illas británicas, e o can está xa no seu novo destino e coa súa nova familia en Gales, onde viaxou a pasada Semana Santa. “É un animal moi vital –destaca unha das colaboradoras- e estamos felices de que por fin teña conseguido un bo fogar. Leva só uns días en Cardiff, pero está a adaptarse moi ben”.

A saída de “Posto” leva consigo outra boa nova, que é xa non hai no CAAN animais que leven no centro máis de dous anos, no marco do obxectivo da Deputación de que os cans e cadelas pasen o menor tempo posible nas instalacións e acaden a súa adopción. Neste momento, os cans máis veteranos son “Solo” e “Pasalo”, ambos cunha idade de oito anos e que están acollidos desde o 2020, cando foron recollidos en Marín e Sanxenxo respectivamente. No que se refire ao animal de maior idade, é a cadela “Puri”, que conta con once anos e fora recollida no concello do Porriño. A adopción destes cans é agora a prioridade que se marca a institución provincial.

Amais, a marcha de “Posto” vén referendar tamén o excepcional arranque de ano do CAAN no que atinxe ás adopcións, seguindo a liña dos últimos anos. Deste xeito, desde o 1 de xaneiro tramitáronse xa un total de 184, todas elas en territorio nacional e a maioría en Galicia (153), seguida por Castela e León (28), Madrid (1), Comunidade Valenciana (1) e Asturias (1). Das formalizadas na comunidade, 134 adopcións foron na provincia de Pontevedra, 8 na Coruña, 8 en Lugo e 3 en Ourense.

O concello con máis adopcións de momento é Vigo (25), seguido de Pontevedra (15), Meaño (8), Marín (7), Gondomar (6), Portas, Cangas e Vilagarcía (5) e A Estrada e Sanxenxo, con 4. Desde o 2015 son xa máis de 3.000 as adopcións acadadas polo CAAN, das que 660 foron o pasado 2021 e que supuxeron o récord anual do centro.

Salir de la versión móvil